Recuperan a figura de “Pancho”, o último mito guerrilleiro da loita antifranquista na comarca

Recuperan a figura  de “Pancho”, o último mito guerrilleiro da loita antifranquista na comarca
Diario de Ferrol-2015-01-14-015-e454cebf_1

O Colectivo Terra de Pontedeume e o Ateneo Eumés veñen de poñer en marcha unha serie de actividades para destacar a figura do derradeiro guerrilleiro que loitou contra o franquismo en Ferrol e comarca, Francisco Martínez Leira “Pancho”, co gallo do 60 cabodano da súa morte violenta nunha emboscada coa Garda Civil en Ombre (Pontedeume) o 31 de decembro de 1954. Xunto cos familiares que aínda viven do homenaxeado, así como coa colaboración do Concello de Mugardos, principiou unha serie de actividades o pasado día 31 de decembro cunha ofrenda floral ao loitador no cemiterio de Meá (Mugardos).
Así, o programa prosegue este venres ás 19.30 horas no local do Colectivo Terra (Boavista, 6) en Pontedeume. Alí uniranse a palabra e a música cunha conferencia sobre Pancho do historiador Bernardo Máiz e, a continuación, un concerto dos populares músicos Mini e Mero (Fuxan os Ventos, A Quenlla, etc.).
O día 23 de xaneiro, ás 19.30 horas, as actividades trasládanse ao salón de plenos do Concello de Mugardos con outra charla de Bernardo Máiz sobre o guerrilleiro, así como testemuños de familiares e de persoas que o coñeceron. Ata o 13 de febreiro haberá un parón que cesa cunha proxección no local do Colectivo Terra do documental “A cidade da selva”, de Helena Villares e Pilar Faxil. Posteriormente haberá unha tertulia co profesor Carlos Méixome.
Finalmente, o día 20 clausúranse as actividades no Concello de Mugardos coa proxección documental “As silenciadas”, de Pablo Ces Marco, e unha tertulia posterior coa profesora Aurora Marco, catedrática da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago.

biografía e carácter
Nacido na parroquia eumesa de Ombre o 21 de decembro de 1916, en 1925 trasládase coa súa familia a Meá, en Mugardos. Mobilizado na Guerra Civil polo bando franquista, xa daquela colaborara cos “escapados”. Nos anos 40 foise aproximando ao Partido Comunista (participou na folga do aceite  de xuño de 1946 na Construtora Naval). Tras ser enlace da guerrilla, acaba integrándose nela a finais do ano 1948.
Participou en todo tipo de accións clandestinas na comarca (que inclúen as mortes de falanxistas e tres gardas civís) baixo o selo da IV Agrupación Pasionaria e do Partido Comunista. Trala desintegración deste grupo, Pancho continúa a súa actividade, con enfrontamentos armados ou reparto de propaganda. En outubro de 1954 foi ferido de gravidade en A Faísca (Narón). Cando decide marchar ao exilio, espera contar coa axuda dun parente que acaba por denuncialo. É abatido nunha emboscada na Mediña (Ombre, Pontedeume) o 31 de decembro.
O historiador Bernardo Máiz, que participa nestas xornadas, ten estudado a súa figura, e destaca do seu carácter “a súa integridade, humildade e modestia. Non tiña o carisma dun Foucellas, pero logrou nos estertores da loita armada, nos anos 52, 53 e 54, encartelar toda a comarca cando chegaba o Primeiro de Maio. Pero ademais editaba un xornaliño de propaganda, “O obreiro”, escrito en galego, e mais “O labrego”, que nunca puido imprimir. É dicir, que non era só un home de acción, senón moi preparado politicamente”.
O 27 de agosto de 2006 o xornalista de Diario de Ferrol José Gómez entrevistaba ao seu fillo, Pancho Martínez Romero, para o suplemento Nordesía. Alí lembraba este a dura situación familiar na que medrou: a nai na cadea, os fillos no Hospicio de Ferrol, un pai fuxido e a policía constantemente enriba da familia. “Rencor? Que rencor vou gardar e a quen? Hai tempo que pasei páxina. Teño que dicir que os gardas, ao fin e ao cabo, eran tamén vítimas do réxime e facían o que lles obrigaban”, relatou.

Recuperan a figura de “Pancho”, o último mito guerrilleiro da loita antifranquista na comarca

Te puede interesar