O Real Coro Toxos e Froles cumpriu cen anos entre música e recoñecementos institucionais

O Real Coro Toxos  e Froles cumpriu cen anos entre música  e recoñecementos institucionais
toxos e froles jofre

O Real Coro Toxos e Froles conmemorou onte os cen anos enriba dun escenario, concretamente o do teatro Jofre que viu a súa estrea un 29 de maio de 1915. Así o lembrou o presidente da entidade Arturo Lamas durante a recepción oficial ofrecida onte no Pazo Municipal. “Hai cen anos que nos subimos por primeira vez ao escenario do Jofre, co apoio da rondalla Airiños d’a Miña Terra e seguindo a estela do primeiro coro galego ‘Aires da Terra’ de Perfecto Feijoo. Cen anos de traballo ininterrompido a prol da culura galega e cen anos como símbolo do que nos fai sermos o que somos, ferroláns e galegos”. Lamas aproveitou a ocasión para agradecer aos ferroláns a súa participación, “sen a que este proxecto non tivera durado tanto”, dixo. Tamén houbo palabras de agradecemento para o Concello de Ferrol polo seu apoio ao que hoxe é o coro en activo decano de Galicia.
No acto oficial no que estiveron presentes a delegada territorial da Xunta de Galicia, Belén do Campo, representantes dos diferentes grupos municipais, a agrupación Rancho da Praça de Vila do Conde, o coro Cántigas da Terra de A Coruña e a Coral de Ruada de Ourense, o Toxos e Froles agradeceu expresamente aos tamén presentes Juan López e Francisco Riveiro “o traballo realizado dende as anteriores directivas” do coro impulsado por Manuel Lorenzo Barja.
Na súa intervención, o alcalde en funcións José Manuel Rey Varela, ao que o presidente do Toxos e Froles le fixo entrega dunha placa conmemorartiva, mostrouse satisfeito polo “centenario dunha das entidades máis senlleiras da nosa cidade e de Galicia”. Destacou as súa contribución “na defensa da cultura galega e en levar o nome de Ferrol e a súa riqueza polos distintos puntos da xeografía”. Así mesmo tivo palabras de recoñecemento ao papel xogado polo coro na recuperación, durante os últimos anos, da relación coa localidade portuguesa de Vila do Conde, un dos máis antigos irmanamentos da cidade.
“Como representante da corporación síntome satisfeito de poder ter traballado na imposición da garavata do centenario á bandeira do Toxos e Froles”, ao que tamén lles fixo entrega da chave de ouro de Ferrol. “Sodes unha institución moi antiga pero sobre todo con moito futuro”, recalcou Rey Varela, quen lles desexou  “un feliz aniversario e felices cen primaveras máis”.
A interpretación da “Foliada de Corrubedo” por parte do coro homenaxeado puxo o colofón final ao acto, que non á xornada que tería continuidade pola tarde no teatro Jofre.

concerto do centenario
Sobre o escenario que cen anos antes o viu debutar, o Real Coro Toxos e Froles evocou o pasado  ao máis puro estilo do programa inaugural no que Eugenio Charlón e Manuel Sánchez Hermida desenvolveron un diálogo na presentación, deixando clara non só a vocación musical e razón de ser da formación, senón tamén a vea dramática que o acompañaron nos seus inicios.
Un amplo e variado repertorio que transitou desde as primeiras cancións que soaron aquel 29 de maio de 1915 ata novas composicións, recibiu os aplausos do público ferrolán. Tamén se estreou unha parella de baile e actuo o grupo instrumental Manuel Lorenzo.
Os actos en conmemoración do centenario no acaban aquí. Hoxe na praza de Amboxe e, ao máis puro estilo das romaxes populares, o Toxos e Froles empraza a tódolos cidadáns a compartir unha xornada de convivencia e boa música na que tampoco faltará a boa comida. Grupos como Os Melidaos, Vai Rañala Meu!, Cantigas e Agarimos, o Rancho da Rendilheiras da Praça, Cántigas da Terra o Treixadura acompañarán ao coro decano no escenario.

O Real Coro Toxos e Froles cumpriu cen anos entre música e recoñecementos institucionais

Te puede interesar