Raúl Rico: “Os cursos de capacitación dixital adáptanse ao nivel do alumno”

Comezan mañá na Epapu de Santa María de Caranza
Raúl Rico: “Os cursos de capacitación dixital adáptanse ao nivel do alumno”
O director da centro para adultos, esta semana I D. Alexandre

Trinta alumnos maiores de idade principian mañá luns un novo curso de capacitación dixital na escola para adultos da Epapu de Santa María de Caranza. Nesta convocatoria, que fai posible o acordo entre o Goberno central e a Xunta de Galicia, os beneficiarios volven dividirse en quendas de mañá e tarde, co obxectivo de facilitar todo o que se poida a súa asistencia. En xullo, avanza o director do centro, Raúl Rico, farase un novo chamamento para as outras dúas formacións –tamén de 30 horas– que principiarían no outono próximo. 


“Do que se trata”, apunta Rico, “é de que adquiran competencias básicas para que teñan un desenvolvemento normal nunha sociedade cada vez máis dixitalizada”. Nesa liña, e aínda que nun principio estaban dirixidos a maiores de 65 anos, hoxe en día os promotores permiten que poida acceder a eles calquera persoa maior de idade, iso si, precisa o director, “coa condición de que non poden estar escolarizados”. Isto significa que ningún dos 600 alumnos que ten agora a Epapu pode beneficiarse destes cursos.  

 

Esta formación é totalmente gratuíta e, cando remate, abrirase un novo prazo para outra


Manexo básico de ordenador, internet e correo electrónico, ciberseguridade, redes sociais ou habilidades básicas dun teléfono móbil son algúns dos contidos que os 30 alumnos darán ao longo dos dous vindeiros meses. “No mundo actual é importante que saiban, por exemplo, comuncarse coa banca, que coñezan as aplicacións das administracións públicas, o uso de autofirma ou solicitar e traballar coa Chave 365. É unha capacitación moi básica, pero moi útil”, sinala.


Os alumnos que completen esta formación recibirán unha acreditación que, apunta Raúl Rico, nalgunha ocasión ten aberto a porta a un posto de traballo.


Unha das vantaxes que teñen estes cursos é que o profesorado se adapta aos coñecementos previos de cada un dos alumnos. “O noso obxectivo é formar e axudar, e os docentes de Informática que temos no centro se encargan de ensinar desde o punto de partida de cada alumno”, engade.
En maio rematan estas dúas primeiras formacións e, recalca Rico, no verán abrirase unha nova convocatoria coa que esperan completar as outras 30 prazas ofertadas. 

Raúl Rico: “Os cursos de capacitación dixital adáptanse ao nivel do alumno”

Te puede interesar