Promoven o Día das Letras Galegas para Carvalho Calero por quinta vez

Promoven o Día das Letras Galegas para Carvalho Calero por quinta vez

A última vez que Ricardo Carvalho Calero optou ó Día das Letras Galegas, en 2015, os académicos elixiron –non sen polémica– a Xosé Filgueira Valverde (por riba tamén doutros candidatos como Manuel María, Celestino Fernández de la Vega e Xela Arias). Era a cuarta vez que se impulsaba este recoñecemento –tentárase en 2008, 2010 e 2013– para o investigador, profesor e escritor ferrolán, pioneiro na elaboración de gramáticas, normas ortográficas e historias da lingua e literatura galegas. Haberá unha quinta, posto que os profesores Xosé Manuel Pazo, Bernardo Máiz e Xosé María Dobarro volverán lanzar a candidatura para corrixir o que definen como \“interesado esquecemento\”, un veto vencellado sobre todo ós posicionamentos ortográficos lusistas de Carvalho na última época da súa vida. Para iso piden de novo a colaboración do tecido cultural, sindical, institucional e social de Ferrolterra e do resto de Galicia. Nas próximas semanas empezarán os contactos coas entidades e tamén están abertos a adhesións individuais a través do correo carvalhocalero2017@gmail.com.
Xa en 2014 se obtivera un importante respaldo para recoñecer a este \“esgrevio galeguista que ao longo de máis de seis décadas desenvolveu un inmenso labor poético, narrativo, ensaístico, xornalístico, académico, lingüístico, docente... a prol de Galiza e da cultura galegas\”, apunta o manifesto inicial da comisión. Ese impulso frustrado non queren interpretalo como un desaire cara á comarca –a pesar de que non conta Ferrolterra con ningún persoeiro destacado co Día das Letras– aínda que Manuel Pazo, que si fala de \“falta de sensibilidade\”, destaca que sería \“tamén un aporte económico para a zona\” e daríalle a Ferrol e á sua bisbarra un gran protagonismo cultural durante todo un ano.
\“Don Ricardo Carvalho Calero foi o primeiro profesor de galego na universidade galega, pai lingüístico de varias xeracións\”, apuntan. De feito, tanto Máiz como Dobarro foron os seus alumnos.
Foi tamén Carvalho Calero un represaliado polo franquismo, logo de formar parte do consello redactor do Estatuto de Autonomía de 1936 e combater defendendo a legalidade republicana. Estivo preso desde 1939 ata 1941 e ó saír da cadea tivo prohibido exercer o ensino público –gañara unha praza de catedrático de instituto en 1931– ata 1963, cando se levanta esa sanción política e volve opositar. Ademais foi depurado do Concello de Ferrol, onde conseguira unha praza de funcionario en 1933.
Os recoñecementos a Carvalho Calero empezaron a chegar nos últimos anos da súa vida. A primeira homenaxe pública fíxoselle en Ferrol en 1981. Na súa cidade natal foi nomeado fillo predilecto en 1990 –o mesmo ano en que morreu–, ademais dedícaselle unha rúa, un centro de ensino e outro cultural. O Concello restituíulle honoríficamente –xa estaba xubilado–, tamén en 1981, o seu posto de funcionario. O Parlamento nomeuno fillo ilustre de Galicia en 1996.
A gran distinción que lle falta é precisamente a do Día das Letras Galegas. \“Seguramente da súa xeración é o único que queda por premiar e non por falta de merecementos\”, comentou Máiz. \“É como se houbera algúns sectores da cultura galega que non queren que perviva a súa memoria\”, engadiu. Respecto ó seu controvertido posicionamento ortográfico, Máiz desexou que os académicos que nalgún momento se opuxeron ó recoñecemento por este motivo muden de posición. \“Sempre pensei que a xente de cultura ten que estar por encima destas cativezas\”.

Promoven o Día das Letras Galegas para Carvalho Calero por quinta vez

Te puede interesar