Unha ducia de persoas das 22 que comezaron este ano un programa integrado de emprego de Cogami (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade) están xa traballando. Trátase dunha porcentaxe de inserción do 55%, superior ao compromiso da propia iniciativa, que se sitúa nun mínimo dun 35% dos participantes.
En toda Galicia están inmersos neste itinerario un total de 131 usuarios e teñen emprego 61, un 47%, polo que en termos globais tamén se supera o mínimo.
O programa conta con varias fases, que comezan cunha entrevista personalizada na que se fai unha diagnose sobre a empregabilidade da persoa e se deseña un itinerario de inserción no que se fixan as melloras que teñen que facerse, apostando pola formación. Algúns dos cursos impartidos centráronse en áreas como a limpeza e desinfección sanitaria, a atención ao cliente e ao público ou operarios de almacén con carretilla e transporte adaptado.
Tamén se realizan accións complementarias de información, orientación e asesoramiento, prácticas laborais, técnicas de motivación, obradoiros para entrevistas de traballo, formación en competencias dixitais e manexo das tecnoloxías da información e da comunicación, capacidade emprendedora, prospección de empresas e intermediación laboral.
O Programa Integrado de Emprego realízase a través dun convenio coa Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e o Cermi Galicia para o fomento da empregabilidade das persoas con discapacidade de Galicia e con fondos da Unión Europea Next Generation.