Poñer en valor a agricultura a través do horto escolar

Poñer en valor a agricultura a través do horto escolar
imaxe do horto do que dispón o colexio ubicado no barrio de caranza luis polo

É un espazo perfecto para que os escolares experimenten con todo aquelo que ten que ver cos coñecementos relacionados co ámbito das ciencias sociais e naturais, mais non só iso. Polo menos no CEIP Manuel Masdías de Caranza, o horto escolar convértese nun recurso fundamental para contribuír á posta en valor entre os cativos a actividade agrícola, da produción de alimentos tan esencial para toda sociedade, “xa que é o noso sustento”.
Así o transmite a profesora e coordinadora do proxecto que, logo de varios anos parados, retomou o colexio ferrolán. “O colexio xa dispoñía do espazo para o horto, que xa se traballara hai uns 6 ou 7 anos”, explica Lupe Ces. O pasado curso, e coa axuda de Emilia, unha profesora do centro xa xubilada e vinculada ao proxecto anterior, puxéronse de novos mans á obra para converter a pequena parceliña de terra nun horto en toda regla.
A actividade permite aos rapaces participar en todas as fases do cultivo, ver o ciclo completo, desde a semente ata a recolleita dos produtos. Polo de agora, os escolares puideron recoller da terra repolos, nabizas ou chícharos, produtos que non só intentan repartirse entre os rapaces senón que ademais ás veces poden desgustar no propio centro, como a pizza de nabizas que Emilia lles preparou nunha ocasión.
No horto do CEIP Manuel Masdías tamén hai prantados pementos, cenoiras, tomates ou amorodos. “Organizamos a actividade por cursos, cada un encárgase, normalmente, dun cultivo diferente, así como da recolleita”, comenta Ces.
Segundo di, os rapaces están encantados con esta iniciativa, que pouco a pouco irá aumentando a súa produción. Logo de centrarse basicamente o pasado curso na prantación das primeiras sementes, “este curso xa estamos recollendo máis que o ano pasado”.

composteiro
Ademais, o centro dispón dun composteiro onde os alumnos van depositando os restos dos alimentos que comen no centro e que, precisamente, foi empregado xa para aboar a terra este curso. Os rapaces tamén van deixando constancia nun caderno das tarefas que realizan no horto e que van máis alá de sementar e recoller, pois tamén teñen que sacar as herbas, combatir as invasións de felgos ou respectar as condicións que algunhas legumes ou hortalizas requiren na súa prantación.
A recuperación dun sementeiro que hai no colexio será o próximo obxectivo dentro deste proxecto.

Poñer en valor a agricultura a través do horto escolar

Te puede interesar