“Que Podemos chegue a gobernar é un delirio, pero esta España é delirante”

“Que Podemos chegue a gobernar é un delirio, pero esta España é delirante”
Anxo Lugilde

Anxo Lugilde (Lugo, 1970) voltará mañá á cidade onde deu os primeiros pasos no mundo do xornalismo para presentar o seu novo libro “De Beiras a Podemos. A política galega nos tempos da troika (2012-2014)”, ás oito do serán no Ateneo Ferrolán. Trátase dunha interesante aproximación ao fenómeno de Pablo Iglesias e á súa relación con AGE e, máis concretamente, con Xosé Manuel Beiras. Sostén Lugilde que Iglesias descubriu na campaña para as autonómicas galegas, á que chegou da man de Esquerda Unida e de Yolanda Díaz, como ocupar ese novo espazo electoral –o situado na denominada “zona de ruptura”– co carisma como ferramenta, e que o fixo estudando de cerca a Beiras. Pero o libro non se limita a analizar a conexión entre Vallecas e A Reboraina, como titula un dos capítulos en alusión ás residencias destes dous líderes. Tamén traslada ese concepto de “casta” que con tanta fortuna definiu Iglesias a Galicia a través dun conto de pantasmas no que resucita a García Sabell; ilústranos sobre o mundo dos debuxos animados cun percorrido polas operacións Manga, Pikachu, Pokémon,... e analiza os resultados das últimas eleccións europeas, esas que puxeron patas arriba o panorama político e que alertaron aos partidos tradicionais do que pode ocurrir nas próximas. Ou non.
Lugilde é politólogo,  como os de Podemos, pero por enriba de todo xornalista. E como bon profesional vén xa cun titular baixo o brazo: “Que Podemos chegue a gobernar é un delirio, pero esta España é delirante”.

Tanto delirio precisa dunha explicación.
Penso que é un delirio que Podemos chegue a gobernar, porque é un partido creado hai dez meses, con pouco máis do 3% do censo, que está nucleado en torno a un grupo de profesores dun departamento concreto... É verdade que colleu folgos con máis de cen mil inscritos en pouco tempo, pero non deixa de ser unha cousa cativa e embrionaria. Ainda así a enquisa de Metroscopia os pon de primeira forza e a de El País casi ao nivel de PP e PSOE. Entón dicir que Podemos poida gobernar é un delirio, pero a situación de España é totalmente delirante. Primeiro polos casos de corrupción brutais, pola propia crise da monarquía, a crise territorial e logo a situación económica de empobrecemento acelerado e sen perspectivas de mellora. Nese contexto, Podemos aparece casi como unha expresión da desfeita española deste momento.

E que papel lle otorga en Galicia a esta nova forza?
O primeiro que chama a atención de Podemos en Galicia é que o espazo no que actúa, que é o da esquerda alternativa ou transformadora, é o único que dende a transición estivo dominado polo nacionalismo. De feito, ese 8% de Podemos nas europeas en Galicia é moi espectacular, pero tamén un reflexo da podremia do sistema político galego e de que AGE chega xa, un ano despois do seu éxito electoral, desfondado. Podemos colouse por esa vía, porque o que AGE e sobre todo Beiras descubriu no 2012 foi que cun discurso radicalizado nas formas, centrado na indignación da crise e na adaptación das súas vellas melodías da quebra democrática e demais logrou un resultado moi por enriba das posibilidades de Anova.

Vostede ve as vindeiras eleccións autonómicas como a proba de lume para Podemos.
En maio hai eleccións en 13 autonomías e Podemos pode ter moi bos resultados, aínda coa metade do que lle atribue o CIS. Esa pode ser a hora da verdade para Podemos, nun momento crítico, a seis meses das eleccións xerais. Por eso debería seleccionar moi ben a quen sexan os seus parlamentarios, para que non lle pase o que lle ten pasado a AGE e pensar moi ben en como manexar situacións nas que van ter que elixir entre PP e PSOE, co problema de que eles os teñen identificado como que son exactamente o mesmo.

No libro fai unha interesante análise da casta dende a perspectiva galega.
A identificación da casta como problema foi, seguro, o maior éxito de Podemos. Eles falan deste marco conceptual da casta referíndose sobre todo aos políticos como grupo profesional pechado. Pero en Galicia, efectivamente, hai tamén a acepción de grupo familiar no que se herdan a cor dos ollos, do pelo, a Deputación de Ourense, a alcaldía de Ponte Caldelas...

E que recordo ten da casta ferrolá?
No libro poño catro exemplos da casta como grupo político pechado nos catro partidos que había en Galicia ata que apareceu Podemos. Son Pepe Blanco, do PSOE; Bieito Lobeira, do BNG; Fajardo, de Esquerda Unida; e un ferrolán, Arsenio Fernández de Mesa y Díaz del Río no PP. Eu cando empezaron a aparecer no CIS os políticos como problema sempre pensaba que sendo quen é o director da Garda Civil me parecía pouco. Porque, desde logo, que despois da xestión que fixo no “Prestige”, de non asumir ningunha responsabilidade política, que a súa amizade co presidente do Goberno e a súa fidelidade ao aparato do PP fosen premiadas coa dirección dun dos dous grandes corpos de seguridade do Estado é abraiante, é unha demostración de por que Podemos puido chegar ao que chegou en nada. Eu coñezo a moitísima xente no PPdeG e, agás Mariano Rajoy, non hai ninguén que fale ben de Fernández de Mesa. Para min foi un dos principais responsables de convertir un accidente dun barco que estaba nunhas condicións lamentables por culpa da armadora nunha grande catástrofe ecolóxica por unha xestión política terrible.  
Pero en Ferrol, si un pensa no sistema político local antes do estoupido da crise no ano 83, no momento de máximo bipartidismo, e logo na reconversión, e ve as corporacións do 95 e o 99 aí hai tamén un reflexo da crise, co xurdimento de forzas novas como o BNG –que non entra no Concello ata o ano 91– ou a ruptura localista do PP de Juan Fernández. Non hai ningún Podemos nin nada polo estilo, pero na fragmentación parécese bastante ao que se albiscaba nas eleccións europeas en España e incluso nas enquisas do CIS. É verdade que logo en Ferrol hai unha recuperación do bipartidismo, con Irisarri no PSOE e coa actual maioría absoluta do PP, que non deixa de ser filla da desfeita do PSOE de Zapatero. Iso é unha posibilidade, que o sistema político en España se recompuñera nun prazo de cinco ou dez anos. Dependerá moito do que pase no exterior e dese novo suxeito político que é a clase media empobrecida.

Vostede relaciona tamén a rebelión xeracional que supón Podemos coa situación que se viviu en Ferrol coa reconversión.
En Podemos hai unha rebelión xeracional, de xente en torno aos 35 anos que se ergue contra a precariedade porque son condeados a vivir peor que os seus pais. E Ferrol ten algo de laboratorio da crise porque leva máis de 30 anos en crise. A reconversión, para min, o que supuxo foi unha transferencia xeracional do conflito. Había unha xente cunha gran capacidade de presión e mobilización coa que se comprou a paz social. E transferiuse o conflito a unha xeración posterior, que logo se atopou con cousas como o peche da escola de aprendices. O de Podemos sería entón como unha revolta ante unha situación que en Ferrol acabou como acabou.

“Que Podemos chegue a gobernar é un delirio, pero esta España é delirante”

Te puede interesar