Pistacatro, Desastronauts e Circo no Ato inauguran o cartel teatral da Mostra de Cariño

Trala celebración nas xornadas do xoves e de onte do Obradoiro de Iniciación ao Clown, a 39 Mostra de Teatro Galego de Cariño dará hoxe o pistoletazo de saída ás representacións escénicas a cargo dalgunhas das mellores compañías da comunidade.
Nesta edición contarase tamén coa presenza de dúas agrupacións foráneas, Circo no Ato, de Brasil, co que así se recupera o Festival de Teatro Galego-Portugués que fora a mostra nun principio, e Rojo Telón, procedente de Euskadi.
A compañía brasileira será precisamente hoxe a encargada de protagonizar a sesión da noite no Auditorio Municipal –22.30 horas– con entradas a cinco euros. Poñerán en escena “A salto alto”, un espectáculo de circo dirixido ao público familiar.
A programación comezará porén antes, xa pola mañá, coa obra de teatro de Pistacatro “Autoestopista Intergaláctico”, prevista para as 12.30 horas na Praza da Pulida (entrada gratuíta). Trátase dun show de ciencia ficción, de clown e transformismo.
Pola tarde, ás 20.30 horas, e tamén con entrada de balde, será a quenda de Desastronauts, co seu espectáculo “Máis alto aínda”. Dirixida ao público familiar, a peza, de circo e clown, está protagonizada por Raquel Veganzones e Girisho Gordon.
Mañá
A xornada de mañá domingo comezará ás 12.00 horas na Praza da Ribeira con Performance AveLina Pérez, que achegará ao público “Os cans non comprenden a Kandinsky” e a presentación da Revista Galega de Teatro.
A música tomará o relevo a partir das 13.15 horas co concerto do grupo De Vacas, tamén gratuíto e que terá lugar no Parque do Concello. 
A explanada do Mercado será, pola súa banda, o escenario da peza de IO, “Contiguo”, con Álvaro Reboredo e Álvaro Pérez como protagonistas. Trátase dun espectáculo de circo en corda, acrobacias e roda Cyr. 
O programa continuará a vindeira semana con obras de compañías como Redrum Teatro, Teatro do Atlántico, Elefante Elegante, Rojo Telón Circo, Eme2, Ibuprofeno Teatro, Ghazafelhos, Contraproducións, Píscore en Teatro do Noroeste, grupo este último encargado de pechar a programación o venres 18 coa peza “Palabras Malditas” –ás 22.15 horas no Auditorio Municipal con entrada a cinco euros–. l

Pistacatro, Desastronauts e Circo no Ato inauguran o cartel teatral da Mostra de Cariño

Te puede interesar