A pista de xeo regresa ó Cantón para captar máis público

A pista de xeo regresa ó Cantón para captar máis público
Apertura pista de Hielo en el Cantón

A pista de xeo que a empresa Invernalia instalou na praza da Constitución abriu onte ó público e permitirá gozar da patinaxe ata o 9 de xaneiro. As concelleiras Susana Martínez e María del Carmen García acudiron onte á mañá a inaugurar oficialmente o Nadal na cidade e falaron das propostas para estas festas, centradas na dinamización da actividade comercial e nos nenos. “Destacan as dúas grandes cabalgatas”, apuntaba Martínez Galdós, “sobre todo a dos Reis Magos, que será o punto central das festas xa que aquí en Ferrol hai moita tradición”. O día 5 farán o percorrido habitual, pasando pola mañá polo hospital ou a Cociña Económica e chegando despois á tarde a Curuxeiras para desprazarse á rúa Venezuela e partir desde aí na súa ruta habitual. “Vai ser moi vistosa, con sete carrozas e con actuacións musicais moi importantes que van ser unha sorpresa. Ademais actuarán os clubes da baile da cidade e nos pasarrúas que acompañan ás carrozas haberá nenos.
A concelleira de Festas referiuse ademais ó cambio de ubicación da pista de xeo, desde a praza de España ata o Cantón, para situala nunha ubicación máis céntrica “próxima ós establecementos de hostalería”. Búscase beneficiar cada ano a distintas zonas da cidade, polo que incluso se barallou situala en Amboage, aínda que a inclinación da praza fíxoo imposible.
Precisamente a dinamización do centro é outra das teimas do programa de actividades, que incluirá actuaciónes de coros e grupos de Ferrol polas tardes, incluíndo personaxes infantís.
A pista de xeo ofrece uns prezos que van desde os cinco euros por entrar na pista durante unha hora sen alugar os patíns ata os dez de estar durante un tempo ilimitado e que che empresten ademais o material necesario. O acceso ó recinto é gratuíto. Ademais, haberá descontos para os nenos (que pagan 4,50) e tamén paquetes familiares para favorecer a asistencia. “Fíxose un esforzo ímprobo para poder ter os prezos máis vantaxosos posibles”, explicaba onte Carlos Castaño, da empresa Invernalia.
As dimensións do espazo habilitado para patinar (ó redor hai unha ampla zona para cambiarse e para observar) é de 10 x 30 metros, unha superficie semellante á do ano pasado. Entón, na praza de España, pasaron pola carpa unhas 10.000 persoas, unha cifra que este ano esperan superar.
Na pista hai monitores e tamén andadores e patíns especiais para os que se inician nesta actividade. “Búscase o risco cero e sobre todo que calquera tipo de persoa poida ter a sensación de deslizarse sobre o xeo”.
“Iceland” abrirá ata o vindeiro día 9 de xaneiro en horario de 11.00 a 14.00 e de 16.30 a 22.00 horas. Os venres, sábado e véspera de festivo tamén se poderá patinar en sesións especiais de 23.00 a 2.00.  En datas sinaladas, como os días 24, 25 e 31 de decembro ou o 1, 5, 6 e 7 de xaneiro, se habilitarán horarios extraordinarios.

A pista de xeo regresa ó Cantón para captar máis público

Te puede interesar