Peche en falso da III Asemblea (LVII)

Peche en falso da III Asemblea (LVII)
Manuel Antonio, asistente á III Asemblea

Despois de dar conta das conclusións aprobadas na III Asemblea nacionalista relacionadas con aspectos organizativos e regulamentares, coa situación do agro, coa participación política e electoral ou coa uniformización do idioma, finalizaba a entrega da semana pasada apuntando o peso que, día a día, ía collendo Vicente Risco no seo das Irmandades.
Nas conclusións incluían tamén puntos referidos ás relacións coas nacións que consideraban irmáns, así como coas Irmandades de América. Recollíanse así:
“17.ª Que vaia a Portugal unha comisión de nazonalistas como embaixadores dos nosos ideaes.
Pensando facer, moi axiña, un viaxe a Portugal o irmán Vicente Risco, a Asambreia otorgoulle un voto de confianza pra todo o que se relacione c’o estreitamento das nosas relaciós co’a nazón irmá.
18.ª O Direitorio queda facultado para todo o que se relacione c’o estreitamento das nosas relaciós c’os nacionalistas de Catalunya e Euskadi.
19.ª Ver de facer na Cruña unha Asambreia de nazonalistas ibéricos.
20.ª O Direitorio dirixiráse aos grupos nazonalistas das Américas indicándolles a labor que aló deben facer.
Tamén o fará âs sociedades galegas orientándoas na labor galeguista que deben facer nas escolas que sosteñen na Galiza e en outros aspectos.
21.ª Redactar unha protesta firmada por todol-os grupos nazonalistas galegos contra os bárbaros atropellos que cometen os ingleses na Irlanda. Esta protesta será elevada â Embaixada inglesa de Madrid en caso de estimalo perciso ao Consello da Liga das Nazóns e â ‘Liga dos Dereitos do Home’, de Madrid.
22.ª Solicitar do Goberno da Hespaña o inmediato recoñecimento da República de Irlanda e estudiar os medios de dirixirse co’a mesma pretensión ao Goberno da República portuguesa.
23.ª Estudar s medios de chegar a un entendimento e unha acción común entre todol-os partidos nazonalistas do mundo enteiro.
Para se informare,o Direitorio dirigirase ao ‘Bureaus Internacional para la defensa du Droit des Peuples’ -Rue de la Prairie 17, Géneve (Suiza)”.
Os dous últimos acordos tiñan que ver coa necesidade da difusión do ideal irmandiño, que, como se ve doadamente, se había vertebrar –velaí a mención económica– desde a Coruña:
“24.ª Iniciar unha intensa e continuada labor de propaganda por medio de mitins e conferencias en toda Galiza. No seu día acordaráse cando vai dar comenzo esta propaganda. Para recadar cartos para ela, todol-os afiliados deberán enviar â Irmandade da Cruña as cuotas con que poidan contribuir”.
E coa relevancia de visualizar a bandeira en lugares oficiais en datas sinaladas, asunto que iniciaran con escaso éxito no 25 de xullo do ano anterior:
25.ª Acordóuse, e así se fixo xá, dirixirse aos Concellos da Cruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Santiago e Ferrol rogando que nas festas oficiaes sexa ergueita a bandeira galega nos Pazos Consistoriaes”.
O apartado de ‘Conclusiós aprobadas’ que publicaba A Nosa Terra completábase manifestando que os acordos eran todos moi interesantes e que se tomaran con gran entusiasmo. Por iso mesmo, instábase á súa posta en práctica: “Agora é perciso que todos nos fixemos na trascendencia que todos eles encerran e procuremos darlles axiña cumprimento. Sobre todo os que se refiren â organizazón do Partido non deben quedar sin se levar a cabo”. E acababa: “¡Irmáns! ¡A traballar sin acougo pol-a redención da Nosa Patria! ¡Saude e Terra!”.
Dunha atenta lectura das conclusións, semella doado tirar a conclusión de que nesa altura xa debía haber unhas tendencias ben definidas e que se achegaba o momento en que os irmáns terían que definirse por algunha delas. De aí ese chamado a cumprir canto antes os acordos relativos á organización, que, por outra parte, no seu conxunto, estaban pouco desenvolvidos e seguían mostrando carencias de definición.
A información difundida polo boletín completábase coa relación de asembleístas por localidades e coa indicación dos actos propagandísticos paralelos que se fixeran en Vigo neses días e que foran dúas da sociedade La Oliva: unha de Villar Ponte e outra de Gil Rovira, que trazou “un paralelo entr’o nazionalismo catalán i-o galego”; outra, de Vicente Risco, no Liceo e unha de Peña Novo no Círculo Mercantil.
Este último fixo, ademais, un discurso de propaganda na sociedade agraria de Lavadores. A este acto referíase o laudatorio epígrafe “Lavadores, campo de cibdadanía”:
“Como impresión derradeira temos que dicire que o fermoso burgo de Lavadores i-a campía onde sse ergue, é un exemprar modelo de espírito cibdadá para o resto de Galizia. Alí os agrarios impuñeron a sua vontade coleitiva. Aquelo é un recuncho de europeismo. Son orgullo da Terra e serán a salvación da mesma cando cheguen a conqueriren o santo ideal galeguista por enteiro. Lavadores está chamado a unha misión histórica”.
A continuación reprodúcese o texto da intervención de Villar Ponte, titulada “Do cosmopolitismo, do universalismo e da mansedume galega”. Achegar o contido desa charla era misión fácil, dado que Villar Ponte era nese momento o director da publicación.
Como xa dixen días atrás, un dos asembleístas foi o poeta Manuel Antonio, quen xa vira publicados algúns dos seus versos no boletín A Nosa Terra, motivo polo que tiña certos contactos coas xentes responsables do mesmo. Tamén tiña relación epistolar con Vicente Risco, a quen chegara por medio de Castelao, a quen coñecía de Rianxo. Pois ben, pola correspondencia que se conserva de Manuel Antonio podemos coñecer algúns particulares pormenores do que aconteceu na asemblea viguesa. Manuel Antonio asistiu como asembleísta por Vigo xa que nesa altura residía na cidade por estar cursando os estudos de mariño mercante e pertencía ás mocidades nacionalistas que alí presidía Soto Valenzuela.
O poeta rianxeiro xa tivera unha pequena experiencia nas asembleas nacionalistas, xa que cando se celebrara a II era estudante de bacharelato en Santiago e acudira á conferencia que ditara Risco aos estudantes da Xuventude Nazonalista. Mais isto foi para el outra cousa.
En carta, datada a 22 de abril, explicáballe a seu curmán Roxelio Pérez o porqué do retraso na resposta a unha súa carta: “A razón convenceráche: Porparábase e celebrouse eiquí a III Asambreia Nazoalista, comprenderás, pois que isto ateigou por compreto as miñas autividades, ben escasas xa de seu.
O lúns ou martes rematouse todo, e hoxe aproveito a primeira hora axeitada pra pórche istas liñas. Antes de nada non estará mal un pequeno reconto d-as miñas impresiós. Anque as sesións eran privadas eu asistín. Puden conecer y-amigar en fonda simpatía con Risco, Cabanillas, López Abente, Ramón y Antón Villar Ponte, Vázquez Enríquez, Blanco Torres, Pena Novo, y-outros moitos que non nomeo porque non conecerías.
Eles ademais falaronme d’algún a quen, coma Taibo, podería dirixirme, por haber amostrado, según eles, simpatía pol-as miñas cousas e desexo de relazoarse. En fin, que quedou enfortecida a miña fé patriótica y-o convencimento de qu’estamos arrodeados de xente que val moito e que fai d’a amistade e da afabilidade un culto”. Chama a atención o que di de Victoriano Taibo, pois figura na relación de asembleístas como único representante de Ortigueira. Mais parece obvio que non asistiu.
Días máis tarde, en carta datada a 5 de maio, manifestáballe as mesmas ou parecidas cousas a Rafael Dieste. É unha misiva de contestación á que este lle remitira o 30 de abril desde Santiago e na que, entre outras cousas, lle pidía: “Fálame eistensamente d-asambreya nazoalista de Vigo e amóstrame as novas arborescenzas d-a tua ideoloxía”. Respondía, aínda que non precisamente coa extensión solicitada: “A Asambreia. Fono unhas horas ben vividas pra min. Non tanto pol-as sesións oficiaes como pol-as conversas particolares. Puden coñecer persoalmente a Risco, Cabanillas, os Villar Ponte, López Abente, Peña Novo, Blanco Torres y-outros moitos. Non compre que che diga o fortificada que ficou con tudo iso a miña Fé Nazoalista. Prégoche que escoites ô través d’istas liñas un estoirante ¡Terra a Nosa!”.

Peche en falso da III Asemblea (LVII)

Te puede interesar