Obradoiros, música e Comitiva de Luces e Tebras para celebrar o Samaín naronés

Obradoiros, música e Comitiva de Luces e Tebras para celebrar o Samaín naronés
José Manuel García e Marián Ferreiro

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o secretario da Agrupación Veciñal San Mateo de Trasancos, José Manuel García, presentaron onte a programación do Samaín de Trasancos, que terá lugar os vindeiros días 30 e 31 na devandita parroquia.
A primeira das xornadas incluirá, a partir das cinco da tarde, un obradoiro de decoración. Servirá isto de aperitivo para a intensa xornada do martes, que arrancará de novo ás cinco da tarde cun obradoiro neste caso de cabazas e maquillaxe no que poderán participar todas as persoas que o desexen. A partir das sete será a quenda para a música, co espectáculo do músico e actor galego Paco Nogueiras. A tradicional Comitiva de Luces e Tebras será un ano máis un dos principais atractivos deste tradicional evento.
Ás 20.00 horas, os asistentes realizarán un pequeno percorrido polas inmediacións do Centron Cívico, recreando manifestacións da mitoloxía popular galega relacionada co tema dos mortos. A comitiva portará candeas para ambientar o tramo e antes de saír ós Quinquilláns realizarán unha animación.
Ás 20.45 horas comezará o Obradoiro do Medo, que terá como escenario a Escola Unitaria de San Mateo. Finalmente, o grupo de gaitas do Padroado encargarase de pechar a programación.
Finalizadas estas actividades chegará o momento de degustar, a partir das 21.30 horas, racións de caldo cociñados por veciñas de San Mateo, xunto a liscos e bebidas. Serviranse un total de 800 racións a un prezo simbólico dun euro cada unha.
A presidenta do Padroado da Cultura e alcaldesa do municipio salientou a gran cantidade de persoas que cada ano reúne esta cita.
Ferreiro lembrou tamén que onte mesmo comezaron a se impartir nos centros de ensino da localidade unha serie de de obradoiros nos que os nenos e nenas decorarán as súas propias cabazas para o Samaín. Na iniciativa participarán máis de medio milleiro de alumnos, tal e como indicou.

Obradoiros, música e Comitiva de Luces e Tebras para celebrar o Samaín naronés

Te puede interesar