O Ateneo recupera a revista en papel e lembra a Revolución dos Cravos

O Ateneo recupera a revista en papel e lembra a Revolución dos Cravos
o ateneo retomou a súa actividade expositiva na rehabilitada sede da rúa magdalena daniel alexandre

O Ateneo Ferrolán funciona xa a pleno rendemento na súa rehabilitada sede da rúa Magdalena e propón un mes de abril cheo de actividades. Este mércores 10, ás sete da tarde, presentan na súa sede o libro “Bóveda, un alegato pacifista contra a inxustiza”, escrito pola xornalista María Xesús Arias e con debuxos de Carlos Sardiña. Céntrase no pensamento económico deste intelectual galego, de plena actualidade, nun formato ameno e divulgativo. Coincide ademais coa celebración, en 2013, do 110 aniversario do nacemento de Bóveda.

Ó día seguinte a historia volverá ser protagonista, coa presentación do libro “War Zone. La II Guerra Mundial en la Península Ibérica”, editado por Eneida y coordinado por Emilio Grandío Seoane y Javier Rodríguez González. O acto, previsto para as oito, contará coas intervencións do historiador Bernardo Máiz, o profesor e coordinador Javier Rodríguez e Eliseo Fernández, historiador e autor dun dos artigos desta obra.

No eido editorial agarda outra novidade en abril, xa que o Ateneo anuncia que volverá editar a súa revista cuadrimestral, Atenea, que vai polo número 45.

O venres 12 de abril inaugurarase no Ateneo unha exposición colectiva e, ademais, haberá unha charla, ás 18.30 horas, a cargo de Javier Goyanes López que leva por título “A túa casa é a túa saúde. Vitalidade do espazo que habitamos desde a xeobioloxía”.

Xa a finais de mes está previsto un acto poético-musical para conmemorar o aniversario da Revolución dos Cravos, en Portugal. Será o venres 26, ás oito da tarde. E o sábado 27 o salón de actos do Ateneo servirá de escenario para o peche dos actos da Semana de Poesía Salvaxe.

Ademais continúan no Ateneo as reunións periódicas, como o clube de lectura (que se dedicou o día 2 a “Cantares Gallegos”), o círculo de pensamento, a tertulia mensual (prevista para o 17 de abril e centrada en Ferrol Vello) e tamén a reunión dun grupo de psicoloxía.

No eido audiovisual proseguen as sesións de cine dos martes, ás 19.30 horas. Este mes proxéctanse comedias. O martes verase “Arsénico por compaixón”, de Capra, e a semana próxima “O gran ditador”, de Chaplin.

O Ateneo recupera a revista en papel e lembra a Revolución dos Cravos

Te puede interesar