O arquivo histórico de Ortigueira custodiará o legado de Federico Maciñeira e Pardo de Lama

O arquivo histórico de Ortigueira custodiará o legado de Federico Maciñeira e Pardo de Lama
imaxe do político e arqueólogo ortegano

O Concello de Ortigueira vén de recibir a cesión de orixinais de todos os artigos publicados en vida por Federico Maciñeira e Pardo de Lama (Mañón, 1870 - Ortigueira, 1943). O goberno local destaca a importancia da doazón realizada polo neto do autor, que será custodiada polo arquivo histórico municipal. O legado vén enriquecer os fondos do centro e axudará aos interesados a coñecer un pouco máis da historia local e da obra do intelectual, coñecido sobre todo pola súa faceta de arqueólogo.

A doazón, feita polo neto do arqueólogo, inclúe todo tipo de temática

A cesión contén orixinais íntegros de publicacións locais e fragmentos de números de xornais e revistas do resto do país nos que aparecen os textos de Maciñeira, todos publicados entre os anos 1889 e 1943. O autor da doazón, que inclúe toda a produción bibliográfica de Maciñeira e Pardo de Lama, foi o seu neto, Federico Maciñeira Teijeiro. E entre a documentación entregada ao Concello inclúense artigos sobre un variado abanico de temas, reflexo do carácter polifacético deste prócer ortigueirés que chegaría a ocupar a alcaldía da vila.

Detallan desde o arquivo histórico, situado na propia biblioteca municipal, que o legado, constituído por máis de 300 artigos, foi incorporándose desde finais do pasado ano ao centro, e inclúe documentos sobre historia, arqueoloxía, etnografía, sociedade e política, a comarca de Ortegal, xeografía local e sectores económicos como a agricultura, a pesca ou a gandeiría.

 A cesión inclúe artigos publicados por Maciñeira entre 1889 e 1943

catalogación

Segundo se informa desde o Concello de Ortigueira, “o persoal do arquivo está a realizar nestes momentos os traballos técnicos precisos para garantir a recuperación e conservación nas mellores condicións do legado”. Preténdese dar a coñecer ao público nos próximos meses a través dunha exposición dentro do proxecto cultural “Ortigueira literaria dixital: Ano Federico Maciñeira”. En paralelo, procederase á dixitalización do material para facilitar o acceso aos usuarios, preservando os orixinais.

Desde a Concellaría de Cultura agradécese a xenerosidade de Federico Maciñeira Teijeiro pola cesión desinteresada realizada ao pobo de Ortigueira, unha doazón que enriquece o arquivo municipal e que posibilitará a estudantes, investigadores e calquera persoa que o requira, profundar na figura e obra do intelectual máis notable da historia do municipio.

 

O arquivo histórico de Ortigueira custodiará o legado de Federico Maciñeira e Pardo de Lama

Te puede interesar