“Nunca me felicitaron tanto na rúa por unha obra de teatro como con esta”

“Nunca me felicitaron tanto na rúa por unha obra de teatro como con esta”
Diario de Ferrol-9999-99-99-999-284741df_1

Xa xubilado oficialmente, un dos actores máis queridos e respectados do país, Ernesto Chao (“Pratos combinados”, como non), aproveita para facer só os proxectos que lle apetecen. O último deles é a traxicomedia “Noiteboa” que se presenta hoxe ás 20.30 horas no Pazo da Cultura de Narón. Chao está acompañado pola gran actriz Mela Casal e a promesa Guillermo Carbajo nunha produción da compañía Redrum.     

Que o convenceu para traballar en “Noiteboa”? 
É unha historia de xente normal que ao final non o é. Fala dunha cea de Noiteboa cunha familia que non é o que parece. Hai elementos de suspense, cada dez minutos pasa algo, e unha trama que é como de bonecas rusas, como capas de cebola para, ao final, acabará de forma moi distinta a como empezou.

Entón, falamos dunha traxicomedia sobre o escenario? 

Si, porque hai moito humor pero no fondo fálase dun problema tremendo que é o da soidade. Alex Sampayo e Borja Caamaño fixeron un texto que parte dunha noticia real: en España cada ano un millón de persoas maiores pasan sós a Noiteboa. Pero non só os vellos, a xente nova tamén ten ese problema. De feito o personaxe de Guillermo Carbajo acaba facendo botellón a través de Skype... En xeral é un tema moi serio disfrazado de comedia onde tamén se fala doutros asuntos como  a emigración, o islamismo ou a lei mordaza.

E que pasa co neno Xesús do Obradoiro?
Ese é outro gran tema da obra,  tamén baseado en feitos reais cada ano rouban ao neno Xesús do Belén do Obradoiro. Ao principio era unha asociación chamada Fartas, por temas sociais e reivindicativos sobre o tema da vivenda, pero agora non se sabe quen o fai. O asunto aparece na obra.

A obra vén de estrearse en Compostela. Como foi a reacción do público?  
Efectivamente, Narón será hoxe a segunda localidade onde se vexa. No Teatro Principal de Santiago enchemos catro días seguidos, esgotando as entradas. Funcionou moi rápido o boca a boca e teño que dicir que nunca a xente me felicitara tanto pola rúa como con esta obra. En parte creo que é porque termina en alto, co público entregado e dando unha solución. É un final positivo. 

Un personaxe como Miro Pereira é unha sorte ou unha maldición para un actor?
Unha sorte, fíxome pagar moitas facturas e ata me din o luxo de arruinarme despois de montar a compañía Lagarta Lagarta. Ademais a xente xa sabe o que hai, non se confunde, é consciente de que vai ver a Ernesto Chao.

“Nunca me felicitaron tanto na rúa por unha obra de teatro como con esta”

Te puede interesar