“O novo ilusionismo xogará coa música, o humor e a iluminación nos seus espectáculos”

“O novo ilusionismo xogará coa música, o humor e a iluminación nos seus espectáculos”
Copia de Diario de Ferrol-9999-99-99-999-d72f8ed2

O ilusionista Martín Varela retoma con forza a súa carreira. O próximo venres 20 ás 20.30 horas regresa ao Pazo da Cultura de Narón co seu espectáculo “Manifesto”, estreado alí hai xusto un ano. O feito de que houbera xente que ficara fóra comprometeuno a voltar e aproveita agora para facelo. Faino tras actuar en todas as grandes cidades de Galicia –agás, curiosamente na súa, Ferrol– con cheos espectaculares como as máis de mil persoas que o viron no Auditorio de Galicia de Santiago. Xa estudante universitario, Martín alterna os libros con novos proxectos.

Que o motiva para regresar con “Manifesto” ao Pazo da Cultura de Narón?
Cando estreamos hai un ano houbo xente que quedou fóra, e desde o Padroado nos convidaron para regresar cando quixeramos, e agora é un bo momento. Ademais hai outro motivo. O espectáculo fogueouse por toda Galicia e mellorou en ritmo e espectacularidade, e tamén eu estou máis seguro sobre o escenario. Todos elementos que non se dan nunha estrea, por iso agora os espectadores poderán ver algo máis traballado.

O contido do espectáculo é o mesmo?
Hai algún detalle novo, máis humor e un ritmo rápido, ademais de que haberá un par de sorpresas. En total son uns vinte números de maxia con elementos clave como a iluminación e a música. Da luz hai ata 140 cambios ao longo da hora e media de show. Musicalmente fixemos unha ampla selección e un estudio de como utilizala. De feito fun a Barcelona ver a Lady Gaga para coller ideas.

Con que novas características conta o seu ilusionismo?
Creo que hai un campo amplo para xogar polo lado do espectáculo, por suposto o humor, pero a nivel plástico tamén os xogos de luces, a música e a ambientación poden ser estimulantes. Logo, eu fago espectáculo familiar, para todas as idades, pais e fillos. Gústame o dinamismo pero tamén a parte poética.  

Sorprende que non actúe en Ferrol, a súa cidade.
Quixemos estrear no Jofre hai un ano, pero nos cambiaron as datas e logo foi imposible. Agora economicamente non é rendible, polo aforo do teatro. En canto ao Auditorio, aínda que é novo non está preparado tecnicamente, polo nivel do telar, etc. Estamos cobrando 13 euros, é moi barato para este tipo de espectáculo, e desde logo facémolo para non perder cartos non para gañar.

Como foi a xira de “Manifesto” por toda Galicia?
Unha experiencia única que foi a máis ata concluír no Auditorio de Galicia de Santiago onde enchimos con mil persoas. Houbo pequenos que me abrazaron e se confesaron fans, cando hai apenas uns anos eu estaba no lado deles. É incrible.

Axudáronlle as súas intervecións no “Luar” da TVG?
Sen dúbida, teño moito que agradecerlle á propaganda que me fixo Xosé Ramón Gayoso.

Que recordos ten de Julia Soto, do dúo Lorc & Julit, que faleceu recentemente?
O espectáculo está adicado a ela, xa que ademais o nome do noso colectivo de ilusionistas é Lorc & Julit. Ela veuno o ano pasado, era moi “fan” nosa e estaba encantada, dicía, “da elegancia”.

Agora que xa é universitario, compaxinará as súas dúas facetas?
Non queda outra. Estamos vendo de levar “Manifesto” polo resto de España o próximo ano, a ver que tal vai o proxecto, porque os magos de Barcelona xa me dixeron que nunca viran a alguén tan novo facendo un espectáculo de semellante dimensión. Por outra banda, en breve estrearemos un espectáculo con números novos, un formato máis pequeno, máis próximo ao espectador e con moito humor.

“O novo ilusionismo xogará coa música, o humor e a iluminación nos seus espectáculos”

Te puede interesar