Nova mobilización contra a “reválida”

Tal e como xa tiña anunciado, a Federación de Anpas de centros públicos de Ferrolterra celebrará mañá luns, véspera do comezo das probas de avaliación .

Nova mobilización contra a “reválida”
Imaxe da recente protesta contra a reválida de sexto	jorge meis
Imaxe da recente protesta contra a reválida de sexto jorge meis

Tal e como xa tiña anunciado, a Federación de Anpas de centros públicos de Ferrolterra celebrará mañá luns, véspera do comezo das probas de avaliación do alumnado de 3º de Primaria por parte da Consellería de Educación, unha nova concentración –como xa fixo hai dúas semanas ante a “reválida” de sexto de Primaria– para amosar a súa oposición a un procedemento incorporado pola actual lei educativa, a Lomce, aprobada polo Partido Popular.
A concentración terá lugar ás 20.00 horas diante do Edificio Administrativo da Xunta, na Praza de España.
“A pesares do amplio rexeitamento destas probas, manifestado por todos os sectores da comunidade educativa galega e do éxito de insubmisión á celebración da pasada reválida de 6º, a Consellería de Educación impón aos centros educativos a súa realización, coa clara intención de implantar a Lomce seguindo a folla de ruta establecida desde Madrid por un Goberno en funcións”, apuntan desde a federación presidida por Javier Sánchez.

prexuízo
O colectivo reitera que a celebración destas convocatorias “traerá prexuízos aos nosos fillos”, e por iso fan un chamamento a toda a comunidade educativa a participar no acto de protesta previsto para mañá.
“Exercendo o noso dereito á protesta, non levaremos ás nosas fillas e fillos á escola os días 24 e 25 de maio –martes e mércores da vindeira semana–, datas da realización da reválida, porque non queremos que sexan obrigados a realizar unhas probas que só provocarán prexuízos no seu presente e no seu futuro”; engaden.
Consideran ademais, como xa teñen manifestado noutras moitas ocasións, que “o establecemento das reválidas so pretenden pór barreiras e as maiores trabas posibles para a continuación dos estudos da maioría do alumnado e responden, exclusivamente, a unha concepción segregadora, clasista e elitista da educación”, engaden.