“A nova Lei Mordaza favorece máis un estado policial que un estado de dereito”

“A nova Lei Mordaza favorece máis un estado policial que un estado de dereito”
Nieves Santomé Decana del Colegio de Abogados de Ferrol

Iniciouse a conta atrás para un dos maiores cambios lexislativos introducidos no período democrático e, á vez, un dos máis contestados e que conta cunha máis férrea oposición. O vindeiro mércores entra en vigor a reforma do Código Penal, aprobada en solitario polo Partido Popular, e a coñecida como Lei Mordaza –realmente Lei Orgánica de Seguridade Cidadá–. En todo o Estado hai protestas convocadas para os vindeiros días e en Ferrol será precisamente o día primeiro, mércores. A presidenta do Consello da Avogacía Galega, a ferrolana Nieves Santomé Couto, apoia as reservas xerais da sociedade, dende un punto de vista xurídico.

É certo que imos ter un dos códigos penais máis duros de Europa cunha das taxas de criminalidade máis baixas?
É un dos tantos contrasentidos que ten esta modificación, que endureceu as penas de forma inxustificada cando estamos nun país como España cun dos menores índices delitivos de Europa.Non ten explicación.

Dende a avogacía, parte clave de calquera proceso xurídico, que impresións deixa esta reforma?
En termos xerais a reforma do Codigo Penal paréceme desafortunada e de moi deficiente calidade técnica, o que resulta inxustificable nun país que conta con grandes xuristas e consolidada tradición xurídica, algo que parece foi obviado polos nosos lexisladores. Tamén é preocupante, ao traer como consecuencia ambigüidades, incoherencias e, en definitiva, inseguridade, nunha materia como o dereito penal que esixe de especial rigor e claridade, fundamental na defensa dos dereitos dos cidadáns. Foi precipitada, de tinguidura populista e contempla un endurecemento e agravación das penas que tampouco resulta xustificada, creando ademais unha figura nova que é a prisión permanente revisable coa que, de modo encuberto e en contra do previsto na nosa Constitución, se esta dando carta de natureza á cadea perpetua.

Sería recomendable unha moratoria na súa aplicación, sobre todo si temos en conta que pronto se darán unhas novas eleccións xerais?
Persoalmente creo que sí. Unha decisión sensata sería prolongar a “vacatio legis” –tempo transcurrido entre a aprobación dunha lei e a súa entrada en vigor– polo menos outros seis meses. Hai aspectos que están necesitados de modificación e sería unha decisión sensata. Unha cuestión como a prisión permanente revisable é unha das medidas que partidos da oposición teñen previsto derogar se gañan as próximas eleccións. A Lei de Seguridade Cidadá exactamente igual. Vernos envoltos nesta precariedade en canto ó tempo na aplicación de leis tan fundamentais produce situacións de verdadeira inseguridade xurídica nunha sociedade que se presume moderna, estable, e asentada en sólidos principios constitucionais.
A desaparición da consideración de faltas é de especial calado e está pasando desapercibida...
A nivel de cidadanía, é a modificación que pode ter maior repercusión, polo volume de supostos que acolle. As condutas ou actos ilícitos que pola súa escasa transcendencia se consideraban faltas, saen como tales faltas do Codigo penal, aínda que a maior parte desas condutas continúan sendo sancionadas penalmente. Casos, por exemplo, de pequenos furtos, ameazas leves ou a desobediencia á autoridade seguirán no Código Penal, pero convertidas en delitos, é dicir con consecuencias máis graves. Por citar un exemplo: A actividade dun “top manta” que antes era falta, será delito. Outras pasan ao ámbito administrativo, é dicir, a ser sancionadas pola Administración. Pequenas alteracións de orde publico agora son infraccións administrativas graves. E un terceiro grupo recondúcense á vía civil, para ser vistas por un xuíz civil en lugar dun xuíz de ámbito penal. Por exemplo, a maioría de accidentes de tráfico onde existan lesionados.

Iso reflíctese en distintas consecuencias...
Aquelas condutas que antes eran faltas e agora son delitos leves, terán penas máis graves, sen que se poida encontrar, na maioría dos supostos, ningunha xustificación. As que se derivaron á vía administrativa, sobre todo as que se contemplan na Lei de Seguridade Cidadá ( Lei Mordaza), van ser obxecto de sancións económicas moito máis cuantiosas que as que, con carácter substitutivo da pena, podia impoñer un xuíz que, ademais, podía moderar a contía das multas en atención á capacidade económica do condenado –moderación que non cabe na vía administrativa–. O procedemento adoita ser máis longo que o xudicial e, co tempo, máis custoso para o cidadán que, na maioría dos casos, acabará optando por consentir e aboar a sanción aínda cando a súa imposición sexa inxusta. Finalmente, das faltas que van á vía civil, que son fundamentalmente as derivadas de accidentes de tráfico con vitimas, a consecuencia principal é o encarecemento do proceso, o que claramente prexudica ás víctimas en beneficio das compañías de seguros.
 
Cre que a xente é realmente consciente do que este cambio significa?
Non vai ser inmediatamente, non é coma unha taxa que hai que pagar dun día para outro, pero o vai notar. Podes pensar, eu non teño actuacións xudiciais pendentes, a mín non me afecta. Por agora non, pero chegado o momento si te vai influir. De feito, toda a sociedade e o Estado de Dereito vaise ver afectado por esta norma. O feito de que exista unha pena de prisión permanente revisable, por exemplo, racha cos principios de reinserción social que sempre primaron no dereito penitenciario. Hai una gran contestación social porque estas normas se fan con demasiada velocidade, aproveitando unha circunstancia que é unha maioría aboluta, pero son normas que non se deberan levar a cabo sen un consenso, sen un estudio, sen unha reflexión, porque inciden na vida das persoas e están chamadas a perdurar. Non se pode, no tema de xustiza, sanidade, educación, facer parches continuos. Quizais había que facer un novo Código, pero facelo ben, porque hai que ter moito sentidiño e protexer, non conculcar o estado de dereito, respetalo e protexelo.

A Lei Mordaza e a normativa sobre internet. É un novo intento de poñer cancelas ó campo? Cre que limita a liberdade de expresión?
A sanción penal sempre debe de ser o último reduto nun estado de dereito, e só deben de ser sancionadas penalmente aquelas condutas especialmente graves que merezan este reproche. A lei 3/2015, de Seguridade Cidadá ou Lei Mordaza, é un texto lexislativo que parece máis orientado a favorecer un estado policial que un estado de dereito, no que a liberdade de expresión e manifestación é un valor fundamental, que debe ser tutelado e protexido, non reprimido –directa ou indirectamente–. Aínda cando sexa esixible un uso responsable deste dereito e aínda cando, ao seu amparo, non poida permitirse a lesión doutros dereitos fundamentais. Tratar de limitar internet é, como ben dis, tratar de poñer cancelas ao campo, pero iso non pode levar a deixar impunes condutas delituosas que se desenvolven a través das redes que teñen que ser perseguidas e castigadas. Pero non pode admitirse que se extralimite o ámbito punitivo a condutas que non son merecedoras de tal reproche, aínda que eticamente resulte esixible o uso responsable e cívico dos nosos dereitos.

Incluída a liberdade de expresión?
O dereito á liberdade de expresión hai que protexelo sempre con decisión pero, aínda sen condena, non debe aplaudirse tampouco cando deste se fai uso para danar gratuitamente sentimentos ou sensibilidades que, aínda resultándonos alleas, merecen toda consideración e respecto.

Algún dos capítulos da nova lei apelan ó mantemento da paz social. Na súa opinión, como se mantén a paz social?
A paz social hai que configurarla desde un punto de vista existencial, non so xurídico e acádase con valores e principios coma a igualdade, a solidaridade e a xustiza, non con normas represoras e policiais. Trascende un momento de alboroto ou de conflicto. Non cabe dúbida que o noso dereito á liberdade de expresión ten que ir vinculado á protección das persoas e o interés público. Pero no se vela pola paz social impedindo que a xente se manifeste. Por suposto que hai que evitar actos vandálicos, accións que poñan en perigo á vida das persoas, pero non pode ser incompatible o dereito de manifestación por unha incomodidade puntual. Este dereito pode estar en armonía con outros. De feito xa se pon en tela de xuizo incluso o propio dereito a manifestarse. Por exemplo, considerar responsables dos feitos que acontezan nunha manifestación ós convocantes, ás organizacións que a convocan, invitan a non facelo. Estase limitando ese fundamental dereito á liberdade de expresión sin un motivo xustificado.

E sobre a prohibición de difundir imaxes das forzas de seguridade?
Na miña opinión, unha medida como esa é realmente cuestionable e non está debidamente encauzada. Entendo que a integridade dos policías hai que preservala en determinadas situacións, de especial perigosidade. Pero, en situacións como as manifestacións, realmente a única forma de poder acreditar, por exemplo, si o comportamento das forzas de seguridade foi desproporcionado e usar ese argumento como unha posible defensa é acreditalo mediante imaxes. O prohibir esas imaxes non favorece ao Estado de Dereito ou a paz social.

“A nova Lei Mordaza favorece máis un estado policial que un estado de dereito”

Te puede interesar