“O noso traballo é algo alternativo e arriscado”

“O noso traballo é algo alternativo e arriscado”
Diario de Ferrol-9999-99-99-999-c42181bb_1

Na marxe totalmente oposta á música creada para as masas xermolaba hai un ano o proxecto discográfico de tres músicos, “amigos e compañeiros dentro e fóra dos escenarios”, que se deron en chamar Puntada sen fío. A ferrolá Xiana Lastra (voz), Juan Collazo (percusión) e Roberto Rama (saxo soprano) decidiron, logo do seu paso por diferentes formacións musicais, crear un espectáculo “en pequeno formato”, baseado nunha orixinal sonoridade –a que ofrecen instrumentos como o saxo e vibráfono– e na intensidade das súas letras.
Pezas baseadas na música tradicional, de autores “da nosa terra” ou traducións de cantigas escritas orixinariamente noutras linguas ás que se engaden ademais outras composicións propias. Todas elas dan forma ao disco “A lúa prendeu a luz”, o primeiro traballo do grupo. “Son letras con moito contido, cancións que expresan moitas sensacións e sentimentos. Eu definiríao como algo alternativo e tamén arriscado; cunha sonoridade totalmente diferente ao que estamos acostumados na música tradicional galega”, comenta a voz da formación.
Co tempo como fío condutor do disco, as cancións falan de acontecementos importantes de Galicia, cunha clara vocación de “posicionarnos ante a vida e na defensa do idioma e cultura da nosa terra. Son letras con moito contido, que non deixan indiferente a ninguén”, engade a cantante.

concerto
Cancións que ven reforzada a súa conexión co público a través de concertos íntimos como o que mañá venres terá lugar na Casa da Cultura de Neda dentro do programa “Noite de Bolos” e enmarcada no ciclo Cultura no Camiño da Xunta de Galicia. O prezo das entradas é de dous euros.
Ademais da boa acollida que o traballo está a ter entre o público, Xiana Lastra salienta o enriquecedor que para ela –lienciada en Xornalismo e en Comunicación Audiovisual; vocalista en diferentes formacións; ou directora de proxectos como “O meu primeiro Celso Emilio” e “A miña primeira Rosalía” (Xerais)– supuxo o poder participar de principio a fin nun proxecto discográfico que leva o selo da produtora audiovisual Seispés Producións Creativas, da que ela mema forma parte.

“O noso traballo é algo alternativo e arriscado”

Te puede interesar