“O noso obxectivo é transformar Narón nunha auténtica cidade coa colaboración dos veciños

“O noso obxectivo é transformar Narón nunha auténtica cidade coa colaboración dos veciños
Catalina candidata PSOE Narón

Catalina García Blanco –natural de Chanteiro (Ares), de 47 anos– é desde 2004 a Secretaria Xeral da Agrupación Socialista de Narón. Tras dous anos realizando labores administrativas como persoal de confianza do grupo municipal, en 2007 foi elixida en Primarias como candidata á Alcaldía, repetindo na convocatoria de 2011. Nos dous casos exerceu como voceira. No primeiro mandato, na oposición. No actual, xa como parte do goberno, como concelleira de Acción Social e Participación Cidadá. Agora volve encabezar a candidatura coa que a formación socialista aspira a gañar as eleccións nun municipio convertido recentemente en cidade.

Que retos se marca o PSOE de Narón para as eleccións do vindeiro día 24?
O noso reto é conseguir a confianza dos veciños e veciñas para gañar as eleccións, que vexan en nós persoas honestas, humildes e traballadoras con capacidade de mellorar o noso municipio. O noso obxectivo, transformar a Narón nunha auténtica cidade coa colaboración e o estreito traballo coa cidadanía, consultando os temas de carácter xeral (orzamentos ou PXOM, por exemplo) e ordenando ben as prioridades, onde o centro das nosas políticas deberán ser as persoas.

Que propostas do programa electoral salientaría?
A construción do novo centro de saúde e completar as redes de saneamento e abastecemento de auga son irrenunciables, sabendo que precisaremos do goberno da Xunta. Pero constituiremos unha Mesa estable pola Formación e o Emprego, poremos en marcha os orzamentos participativos e estreitaremos lazos co resto de concellos da comarca para mancomunar servizos, optimizando os recursos.

Que destacaría da candidatura que a acompaña nestas eleccións?
Destaco a renovación, non só de caras en máis dun 70 %, senón de ideas, de ganas e ilusión. Destaco a súa valía, a súa honradez, honestidade e humildade, e, por suposto, o seu compromiso hacia Narón e os seus habitantes.

Que balance fai do seu paso polo goberno?
O meu balance é satisfactorio, de seguro todo é mellorable, pero dende logo puxemos todo o noso empeño e corazón en canto fixemos. Se tivese máis representación, máis concelleiros e concelleiras seguro teríamos feito máis e distinto, posto que cada quen ten as súas prioridades na toma de decisións.

De que se sinte máis satisfeita?
Síntome moi satisfeita de ter estado a carón das familias que máis o precisan, de estar sempre ao lado dos máis vulnerables e de ter posto en marcha a participación cidadá, aínda que queda moito por facer.

Quedoulle algo pendente?
Pendentes sí, rematar e desenvolver o regulamento de Participación Cidadá, por exemplo, ou conseguir fondos para que a nave do Centro de Recursos sexa propia do Concello.

Cre que a participación do PSOE no goberno naronés nesta lexislatura beneficiaralles na vindeira cita electoral?
Iso o dirán os veciños o día 24 depositando o seu voto nas urnas. Nós dedicámonos a traballar polas persoas como é a nosa obriga, e estaremos encantados  de que depositen a súa confianza na nosa candidatura para poder facer máis e mellores cousas da man deles, posto que gobernaremos coa cidadanía.

Resultoulle moi complicado traballar formando parte dun cuatripartito?
A verdade é que non foi moi difícil, fomos quen de deixar as nosas diferenzas a un lado e poñer as cousas en común para traballar pola cidadanía naronesa. Sen dúbida, con máis concelleiros e concelleiras teríamos máis peso e teríamos feito outras cousas.

Por que razóns considera que os naroneses deberían votar ao PSOE o día 24?
Porque somos persoas comprometidas coa xente máis desfavorecida, porque somos capaces de chegar a acordos para o ben do noso pobo, porque imos necesitar negociar con outras administracións algúns servizos e temos ás persoas que instrumentalizarán esas alianzas, porque tenderemos pontes cos concellos veciños para compartir servizos e optimizar mellor os recursos, porque os socialistas e as socialistas somos o garante dos avances sociais, da igualdade, da sanidade pública, do ensino público. Porque vimos a traballar con, por e para a cidadanía de Narón.
En que mudou Narón nestes últimos catro anos?
Narón ten sido un concello que continuou a medrar mentres outros decrecen, tense atendido máis ás persoas, tense aberto a porta á participación da cidadanía, aínda que quede moito camiño por percorrer, somos dos mellor valorados en cultura e deporte. Tense cambiado o goberno do ladrillo e o cemento polo das persoas, ahí está a nosa pegada socialista.

Que sería o primeiro que faría no caso de converterse en alcaldesa?
 O primeiro que faría  como alcaldesa de Narón sería convocar aos distintos axentes sociais, empresarios e empresarias, e ao sector educativo para constituír unha mesa estable pola formación e o emprego, para adaptar á demanda empresarial ás persoas que están sen traballo.

“O noso obxectivo é transformar Narón nunha auténtica cidade coa colaboración dos veciños

Te puede interesar