Norman Blake e Jad Fair, referentes do rock independiente anglosaxón, visitan esta noite a sala Súper 8

Norman Blake e Jad Fair, referentes do rock independiente anglosaxón, visitan esta noite a sala Súper 8
Diario de Ferrol-9999-99-99-999-71eb4f41

Unindo a forza dunha sala de concertos consolidada como Súper 8 e dunha iniciativa da potencia do ciclo Son Estrella Galicia, pode facer que en apenas uns días desfilen por Ferrol artistas de rock de nivel internacional (aínda que non sempre para ben, como o caso da incualificable xira de Micah P. Hinson), que melloran de lonxe a previsible programación institucional.
Hoxe ás 22.30 horas (con entradas a 10 euros) agárdase un concerto gorentoso con dúas luminarias do rock independente das últimas décadas: Norman Blake (líder dos escoceses Teenage Fanclub) e o norteamericano Jad Fair (responsable da mítica banda de art-punk Half Japanese). O primeiro revisita Ferrol (xa o fixo hai ano e medio con Joe Pernice canda o seu proxecto The New Mendicants, deixando un excelente sabor de boca entre o público). Agora, acompañado de Fair comezan unha xira europea que os trae á cidade.
Nesta cita anuncian que interpretarán temas emblemáticos das súas  respectivas traxectorias, así como o seu disco conxunto “Yes”, recentemente editado polo selo Joyful Noise Recordings. Así mesmo, ofrecerán parte do repertorio que Jade Fair gravou canda ao singular artista Daniel Johnston no seu álbum conxunto “It’s Spooky”.

longa carreira
A mediados dos anos 70, Jad Fair fundou xunto ao seu irmán David Fair, Half Japanese, unha banda alternativa de art-punk. Durante tres décadas gravaron máis de 30 discos e, no proceso, fixéronse cunha extensa base de fans apaixonados polo seu entusiasmo polo rock’n’roll afastado de pretensións e artificios.
Fair ten colaborado con músicos do nivel de Daniel Johnston, Moe Tucker (Velvet Underground), Yo La Tengo, Steve Shelley e Thurston Moore (Sonic Youth) ou John Zorn, entre outros.
Pola súa banda, Norman Blake (Teenage Fanclub) é o referente dos escoceses Teenage Fanclub, banda que xurdiu na escena musical de Glasgow e cuxo son ten reminiscencias da Costa Oeste dos Estados Unidos, como Beach Boys e Byrds, ademais dos Big Star de Alex Chilton. Segundo a prensa especializada, a unión de Blake e Fair crea un espectáculo único: “O estilo vocal de Fair, desquiciado e desencaixado, combina ás mil marabillas con ese power pop marca da casa de Blake”. n

Norman Blake e Jad Fair, referentes do rock independiente anglosaxón, visitan esta noite a sala Súper 8

Te puede interesar