“Non podería aceptar un encargo para facer música, o que compoño ten que saír de dentro”

“Non podería aceptar un encargo para facer música, o que compoño ten que saír de dentro”
Diario de Ferrol-9999-99-99-999-35479368

Compoñente desa vasta lexión de ferroláns na diáspora, Alba López Sánchez é profesora de guitarra no conservatorio da culta cidade de Weimar, en Turingia (Alemaña). Compaxinando o seu labor docente co creativo, na actualidade vén de aparecer, en formato dixital, o seu primeiro disco en solitario, o espido e intimista “Trece”, baixo o proxecto denominado Dubhé Dubida. O traballo pode escoitarse libremente na web (www.dubhedubida.com). En breve aparecerá, xa de xeito físico, o seu segundo disco “Into your ocean”, que podería incluír tamén o primeiro. A través do teléfono mantivemos a seguinte conversa con ela.  

¿Cómo foi parar a Weimar?
Despois de estudar no Conservatorio de Ferrol, e de participar en varios proxectos, seguín estudando en Amsterdam e en Alemaña. Seguín tocando e aprendendo en Suíza e Irlanda e finalmente rematei dando aulas en Weimar. Aquí estou ben, aínda que unha sempre bota de menos a súa casa, e a miña casa é Ferrol.

Aínda que xa publicara outros traballos colectivos, agora sae á luz “Trece” baixo o seu proxecto Dubhé Dubida. Fálenos das súas claves.
Trátase dun disco de tres pezas, que comecei hai trece anos e dura trece minutos. O sentimento que o preside é o do amor e o desamor. Trabellei nel sen unha idea fixa, e foi medrando. Tocaba as pezas e ao público gustáballe. Finalmente, graveino co produtor Arturo Vaquero nos seus estudios Abrigueiro o pasado ano. Como non ten moitos minutos para un disco, de momento non existe en formato físico, pero pode escoitarse na páxina web www.dubhedubida.com. Alí poden verse os textos elexidos para acompañar á música, un poema meu e dous de Goethe, as imaxes creadas pola ilustradora Hanna Sörgel, que conectan á perfección co sentimento do disco, e tamén colabora a fotógrafa ferrolá Silvia Pato.

Fala de textos pero a música está espida.
Creo que abonda, é a miña linguaxe. O novelista usa personaxes ficticios e eu uso notas. É máis abstracto, a arte máis próxima á poesía. Quería expresar algo moi persoal, aínda que me considero máis intérprete que compositora. Non podería aceptar un encargo para facer música. O que fago tenme que saír de dentro, expresar os meus sentimentos e estados de ánimo ata quedar espida. Pero non hai expectativas e, polo mesmo, dá igual que guste ou non.

¿A espera dá froitos?
O proxecto Dubhé Dubida quere intregar a máis creadores. O seguinte disco chámase “Into your ocean” e nel colabora un pintor das Bahamas.
¿Séntese como unha emigrante?
Estou dando aulas no conservatorio e non me queixo, pero teño un certo sentimento de inestabilidade. Unha trata de manter as raíces con Ferrol e Galiza. Na cabeza tes a idea de voltar, pero a miña sensación non creo que sexa a dunha emigrante porque eu saín para aprender música e levar a cabo diferentes proxectos artísticos, aínda que de momento non me plantexo voltar porque vexo que a situación é moi difícil. Ao ser o meu un traballo creativo non é tanto o sair a traballar para gañar cartos como coñecer outras culturas, empaparse delas e entrar en contacto co resto do mundo.

“Non podería aceptar un encargo para facer música, o que compoño ten que saír de dentro”

Te puede interesar