“Non me interesa a fama, prefiro ser un descoñecido a unha gran estrela”

“Non me interesa a fama, prefiro ser un descoñecido a unha gran estrela”
Diario de Ferrol-9999-99-99-999-ebb62503

Por terceira vez o músico californiano Bart Davenport vén actuar a Ferrol nunha das súas habituais xiras por España. Estará mañá ás 22.30 horas na sala Súper 8 nun concerto acústico no que promete ofrecer a esencia do gran estilo dos cantautores pop dos anos 60 e 70. As entradas anticipadas están a 8 euros, e mañá serán a 12.     

É a terceira vez que actúa en Ferrol. Que escoitará o público que vaia ao concerto?
Algo incrible, un concerto para deuses! Haberá cancións felices, tristes, melancólicas e incluso salvaxes. Espero facer un concerto longo con temas de todos os meus discos, unha especie de grandes éxitos, pero sen éxitos. E, como sempre, versións.

A crítica definiu a súa música como soft-pop, un estilo onde prima a melodía e as voces agradables. Séntese cómodo nesta etiqueta?
Totalmente. Encántame a instrumentación e as composicións de Burt Bacharach, pero tamén a forza do power pop e a poesía de Leonard Cohen e outros cantautores que me marcaron.

A prensa fala marabillas dos seus discos, pero non é un artista moi coñecido. Gustaríalle selo máis?
No meu último disco hai un tema que se chama “Fuck fame”, do que tamén fixemos un videoclip co humorista Brent Weinbach, no que falo do que supón a fama e o pouco que me interesa. Prefiro ser un descoñecido a unha gran estrela.

Por certo, ese disco do que fala é “Physical World”. Que significa o título?
Fala da línea que separa o mundo da fantasía do mundo real. Temos unha gran fantasía acerca do que é o “verdadeiro amor” e a súa enorme influencia dentro das cancións pop, pero cando chega o amor, confiámolo ao mundo físico e real. O amor é algo que está no noso cerebro, pero para sentilo doutros require un contacto físico real. A música hoxe é dixital, pero a que me interesa é a dos LPs e cedés, e non a virtual.

Adoita facer moitas xiras por España. Influille algo a música española ou a ve desde fóra?
Desde a miña primeira xira non ano 1995 entrei en contacto con amigos que me introduciron na música española. Bandas sixties como Los Canarios, Los Salvajes ou Los Brincos. O seu “Mejor” paréceme tan boa como The Turtles ou The Hollies. Logo está o flamenco. No meu disco “Maron Cocoom” metín unhas guitarras aflamencadas e están eses grandes músicos como Paco de Lucía ou Andrés Segovia.

O seu penúltimo disco, “Searching for Bart Davenport”, era de versións. Como é a súa relación cos temas alleos?
Cando empecei a facer xiras en solitario fíxeno por unha cuestión económica. Saíame mellor tocar eu só que con banda, e fíxeno así o 80% das veces. Entón quixen facer un espectáculo que fora máis alá das miñas propias cancións nun estilo no que estaba cómodo, moi folkie, coa guitarra e voz coa que actuarei en Ferrol. Así que recuperei o meu gusto por artistas como Bert Jansch, Bob Dylan a Increible String Band ou Bridget St. John e levalas ao meu terreo e facer miñas as súas composicións.

Ten varios proxectos e recupera a súa banda The Loved Ones para actuar no Purple Weekend de León o próximo mes. A súa música cambia moito de facela só ou con grupo?
É unha faceta distinta de min como artista. Eu son sempre Bart Davenport, ben con banda ou ben en solitario, pero os temas teñen outra vida distinta ao facelas en acústico.

“Non me interesa a fama, prefiro ser un descoñecido a unha gran estrela”

Te puede interesar