“Non imos paralizar nada se supón un prexuízo para Ferrol”

“Non imos paralizar nada se supón un prexuízo para Ferrol”
Entrevista Bruno García

Bruno Díaz é o concelleiro máis novo da corporación e un dos máis ocupados, posto que é titular da área de Cultura, Educación, Deporte e Turismo (dentro dela asume as dúas últimas e as outras son de Suso Basterrechea) e, ademais, é delegado de Servizos (de Urbanismo) e de Novas Tecnoloxías (en Participación).

Está en tres áreas de cinco, é o superconcelleiro?
Non, é certo que represento ó Partido Socialista en varias áreas pero porque por perfís tivemos que adaptar un pouco as competencias. Podía terse conformado doutro xeito pero si que teño responsabilidades en diferentes ámbitos.

Un deles é o turismo. Estamos xa en verán, que medidas de urxencia se van tomar?
Unha das máximas que temos desde o goberno é que non imos paralizar nada se supón un prexuízo para a cidade. En turismo había plantexada unha programación e iniciativas que seguen o seu camiño normal, cando menos neste primeiro ano, e co tempo iremos vendo a posta en marcha doutras iniciativas que permitan sacar máis rendemento a todas as potencialidades que desde o punto de vista turístico ten a cidade.

Cales son os puntos fortes?
Por un lado, aínda que é certo que Ferrol non está no seu mellor momento, ten un patrimonio arquitectónico evidente. De feito temos unha concellería que se vai encargar da súa conservación e de recuperar a candidatura de Patrimonio da Humanidade. Ademais existe toda a vinculación de Ferrol coa construción naval. Houbo xa iniciativas neste sentido que tentaremos recuperar e poñer en valor. E tamén é evidente que hai un potencial moi grande que ten que ver con tódolos valores naturais do noso entorno e con actividades que mezclan o seu goce co deporte.

A Semana Santa é Festa de Interese Turístico Internacional. Que se vai facer para darlle visibilidade?
A Semana Santa, á marxe da cuestión relixiosa que evidentemente ten, o que non se pode negar é que supón un valor económico moi grande para a cidade. Ferrol non pode nestes momentos plantexarse desprenderse de todos eses elementos. O que hai que ver é en que medida se pode aproveitar ese evento, que xa ten unha tradición e un recoñecemento, para poñer en valor outras potencialidades que existen na cidade e no noso entorno.Outra cousa é a polémica creada en torno ás axudas ás confrarías. Iso haberá que velo, queda practicamente un ano. Estamos preocupados de poñer en marcha as cousas que son inmediatas e de estudar con rigor o que ten que ver con cuestións estratéxicas, como tamén é a Semana Santa.

Entón as confrarías non teñen por que estar preocupadas?
Non. En todo caso o noso proxecto o que pretende é aproveitar tódalas potencialidades que ten a cidade porque agora mesmo non pode permitirse renunciar a ningunha delas. Poderemos darlle voltas para ver como se pode mellorar pero en ningún caso poñéndoa en risco.

Que abrangue a delegación de Novas Tecnoloxías?
Por un lado a mellora da eficiencia dos procedementos administrativos e por outro permitir que a cidadanía teña acceso a toda a información para que se produza un avance importante no que ten que ver coa transparencia.

Que se vai facer en canto ás infraestruturas deportivas?
O primeiro é un repaso ó seu estado. Algunhas delas necesitarán algunha adaptación que haberá que ir planificando no tempo.

Coa Malata como grande centro deportivo.
Na Malata concéntrase un amplo abano das infraestruturas deportivas da cidade e ademais é un espazo que ten un entorno que permite que se poidan realizar actividades que tamén teñen que ver co ocio activo. Cremos que todo ese conxunto hai que impulsalo como centro de práctica deportiva non só desde a competición senón desde o impulso de comportamentos saudables.

E a a piscina no Bertón?
A piscina do Bertón foi unha cuestión puramente electoral. O proxecto está sobre a mesa, haberá que estudalo porque o que non imos é destruír ou paralizar nada polo simple feito de que fose do pasado. Pero antes de plantexarse a apertura de novas instalacións o que haberá que facer é recuperar todas as existentes. Non cremos que a urxencia sexa a posta en marcha de novas infraestruturas.
Como se vai artellar a relación co tecido deportivo?
Un dos aspectos recollidos no acordo programático é a recuperación dun ente que permita que o tecido arredor do deporte teña a posibilidade de coparticipar nas decisións que se tomen no Concello. Iso inclúe o deporte de base, o de competición pero tamén o fomento da práctica deportiva como un ben desde o punto de vista da saúde.

“Non imos paralizar nada se supón un prexuízo para Ferrol”

Te puede interesar