Narón vólcase na celebración das Letras Galegas adicadas a Díaz Castro

O Concello de Narón, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, vén de presentar as actividades polas Letras Galegas que teñen como protagonista ao escritor Xosé María Díaz Castro .

Narón vólcase na celebración das Letras Galegas adicadas a Díaz Castro
Un momento da actuación nas bandas no Pazo da Cultura	jorge meis
Un momento da actuación nas bandas no Pazo da Cultura jorge meis

O Concello de Narón, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, vén de presentar as actividades polas Letras Galegas que teñen como protagonista ao escritor Xosé María Díaz Castro e que están especialmente dirixidas aos máis pequenos. Así, mañá luns a Biblioteca Municipal do Alto (é preciso reservar praza) acolle de 18.00 a 18.30 horas a actividade de contacontos “O neno e a estrela” dirixida a nenos de 3 a 6 anos. Trátase dunha narración oral que inventa as aventuras e trasnadas do pequeno Díaz Castro a partir de motivos recorrentes na súa obra Nimbos. Así mesmo, presenta o contorno natural e patrimonial onde transcorreu a infancia do poeta. Tamén o martes as Escolas Infantís Municipais de A Solaina, Piñeiros e A Gándara programan esta actividade.
Máis enfocado para os escolares naroneses, levarase a cabo o obradoiro “Renova a camisola con Díaz Castro”. Consiste nun taller de pintura e creatividade literaria sobre camisolas, dirixido ó alumnado de Primaria e Secundaria. Desenvolverase para nenos de 7 a 12 anos na Biblioteca Municipal mañá luns de 19.00 a 20.30 horas, previa reserva de praza. Tamén está dirixida para o alumnado da ESO nos centros escolares de O Feal, mañá e no Jorge Juan, o martes 20. Así mesmo, o Auditorio da praza de Galicia acolle o venres a celebración do XXV Certame Intercentros do Concello de Narón.

tecnoloxía e tradición
Outra das actividades do Servizo de Normalización Lingüística é un curso básico de curtas e blogs, que pretende ser unha iniciación á creación audiovisual ao redor do proxecto “O nobelo do tempo” de recollida e reelaboración da tradición oral. Trátase de formar xente capaz de levar adiante as súas pezas audiovisuais, e facerlles ver a riqueza do imaxinario popular para a construción de historias. O curso, para maiores de 18 anos, desenvolverase na Aula CEMIT de Xuvia do 28 de maio ó 27 de xuño, os mércores e venres de 18.30 a 20.30 horas, cunha duración de 20 horas.
Existen 20 prazas dispoñibles, e as persoas interesadas poden matricularse desde mañá luns no Rexistro Xeral do Concello.