Narón ensaia esta semana a súa feira do libro con vista a futuras edicións

Narón ensaia esta semana a súa feira  do libro con vista a futuras edicións
un momento da presentación desta primeira edición da cita cultural e comercial

Narón quere apostar pola difusión cultural e súmase ás localidades que aspiran a ter a súa propia feira do libro. E así sucederá esta fin de semana. A praza da Gándara acolle entre mañá venres e o domingo (en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas) a I Feira das Letras, organizada polos libreiros de Narón en colaboración co Concello. Nela participarán catro librerías do municipio: DAY, Cousas, Galicia e Breogán, que contarán cada unha coa seu propio posto, habendo un máis para as actividades programadas. Un programa no que participarán contacontos como Cándido Pazó, a poeta Medos Romero, a Xove Banda de Narón ou a compañía local Ghazafelhos, entre outros.
O evento foi presentado onte polo concelleiro de Cultura, Guillermo Sánchez Fojo, e o concelleiro de Promoción Económica, Pablo Villamar, a quen acompañaron os libreiros Antonio Martínez (Librería DAY) e Ricardo Piñeiro (Librería Cousas). Tamén colaboran as Concellerías de Turismo, Feiras e Mercados, Ensino e Bibliotecas.

continuidade
Foi o concelleiro de Cultura, Guillermo Sánchez Fojo, quen destacou o grande apoio acadado polo Concello para poder promover esta iniciativa “que desexamos que teña continuidade, ano tras ano”, declarou o edil. Na mesma liña, expresouse o concelleiro de Promoción Económica, ao apuntar que en Narón “enténdese a política dun xeito transversal, e por iso nos involucramos varias concellerías nun mesmo proxecto. Ademais, a cultura ten moito que ver coa riqueza, e o libro e a cultura enriquecen e crean postos de traballo”, declarou Pablo Villamar.
A Feira das Letras pretende dar a coñecer as novidades editoriais e os fondos das librerías de Narón, e presentar as novas propostas culturais. Tamén é unha actividade de promoción da lectura, mediante o achegamento do libro ó seu potencial lector, ademáis dun espazo de actividade comercial.
Nesta primeira edición prestouse especial atención á programación de contidos para nenos e nenas, tanto nos libros expostos como nas actividades deseñadas ao redor da feira.

Narón ensaia esta semana a súa feira do libro con vista a futuras edicións

Te puede interesar