O Nadal regresa a Ferrol da man de Alfredo Martín ao reabrir hoxe o mítico Belén da Orden Tercera

O Nadal regresa a Ferrol da man de Alfredo Martín ao reabrir hoxe o mítico Belén da Orden Tercera
Alfredo Martí Belén de la Orden Tercera

Desde hoxe ata o 6 de xaneiro abre as súas portas o Belén da Orden Tercera que desde hai nada menos que sete décadas elabora puntual o artesán Alfredo Martín nun caso de lonxevidade artística único.
Un total de 300 figuras cobran vida para recrear a historia dunha poboación de hai dous mil anos, personaxes en movemento dun verismo recoñecido máis alá do mecánico e autómata. Como cada ano, neste haberá novidades. Trátase de construcións como unha torre que sobresae a carón da ponte dos Reis Magos e varias vivendas orientais que enriquecen a paisaxe urbana do Belén. Polo demais os visitantes que regresen para contemplar a obra de Martín poderán ver todo tipo de profesións en miniatura como ferreiros, carpinteiros, comerciantes ou pastores. Ademais dos xogos de luces que dan forma á noite estrelada e ao mencer, o máis espectacular será contemplar como os panadeiros cocen e sacan o pan do forno, muiñeiros que poñen en marcha o muíño e ata vendimadores que verten uva no lagar e a pisan. Lavandeiras tendendo pezas de roupa, un vello que sacode unha alfombra da que sae po ou un tamboril que fai un redobre son algúns dos moitos personaxes que contribúen a sumar á gran obra de Martín, ademais da lonxevidade, a calidade.
Creado a principios da década dos 40  como un xogo, o Belén da Orden Tercera figura como o mellor de Galicia e incluso un dos máis significativos de toda Europa. Os máis destacados medios de Galicia e España (prensa, radio e televisión) levan feito reportaxes sobre a obra de Alfredo Martín, para a que se desfán en cualificativos laudatorios.
Autor de outras moitas creacións artísticas (desde unha tradicional Passio ata a vida de Rosalía de Castro), numerosos premios e recoñecementos fan de Martín un dos belenistas máis importantes das últimas décadas e un incansable promotor da actividade cultural na súa cidade natal. O último recoñecemento, hai apenas un mes, foi a concesión, por parte da Xunta Xeral de Confrarías e Irmandades da Semana Santa de Ferrol, da súa Medalla de Ouro.
 
horario
A capela da Orden Tercera terá un horario de 17.00 a 21.00 horas os días laborables e os domingos e festivos de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas. A entrada para nenos ten un prezo de 1,5 euros e 2 para adultos. Os colexios que o desexen poden concertar visitas no número de teléfono 981 358 367.

O Nadal regresa a Ferrol da man de Alfredo Martín ao reabrir hoxe o mítico Belén da Orden Tercera

Te puede interesar