Música, maxia e Festa da Veciñanza en Fene para o Día da Patria Galega

Música, maxia e Festa da Veciñanza  en Fene para o Día da Patria Galega
O mércores día 12 será a quenda para o certame de habaneiras e canto coral, na imaxe o do pasado ano | d.a.

O Concello de Fene acollerá do 10 ao 15 de xullo as actividades deseñadas este ano co gallo do Día da Patria Galega. Organizado pola Concellería de Cultura coa colaboración da Deputación da Coruña, o programa comezará o luns día 10, ás 21.00 horas, cun concerto no que a banda de gaitas Airiños de Fene presentará o seu espectáculo “Máis que gaitas”. Ao día seguinte, ás 22.00 horas, actuará na antiga praza do Concello de Fene o Mago Paco, que achegará ao público o seu espectáculo “Hocus Pocus”.


O mércores 12 será a quenda para o Certame de Habaneiras e Canto Coral, no que este ano participarán as corais polifónicas do CPS San Valentín, ACDR O Pote de Maniños, SCRD Agarimo Sillobre e Eterna Xuventude do Centro Social de Fene. Tamén actuarán as rondallas Perla do Río, do CCRD de Perlío; Estrelecer, do CMI Unidade de Fene; e o Tradicoro.


Convivencia
O xoves 13 celebrarase unha nova edición da Festa da Veciñanza, xornada de convivencia interxeneracional na que maiores e pequenos de Fene comparten unha xornada de lecer, gastronomía e música, segundo informan desde o propio Concello.


As persoas interesadas en asistir á churrascada organizada no marco do evento poderán mercar os seus billetes antes do vindeiro 10 de xullo nas sociedades CPS San Valentín, CCRD de Perlío, CMI Unidade de Fene, ACDR Liga de Amigos de Barallobre, ACDR O Pote de Maniños, AVV de Limodre, AVV de Magalofes ou SCRD Agarimo de Sillobre.
O mesmo día 13, na praza do alcalde Ramón Souto González, só se poñerán á venda un máximo de 200 tickets.
Nesta edición, os billetes venderanse a un prezo de 5 euros, podendo logo canxearse por unha ración que incluirá prato de empanada, churrasco, bola de ovo e botella de auga.


A churrascada, organizada pola AVV de Magalofes coa colaboración das sociedades culturais e veciñais de Fene e do propio Concello, comezará ás 20.00 horas. A partir das 22.30 horas incluirá un baile co Trío Siboney. Haberá tamén inchables para os nenos.


O venres, ás 20.30 horas, terá lugar a lectura da declaración institucional do “Día da Patria Galega” no Parque Liñal do Río Cádavo, fronte ao monumento “Día da Patria”. O ciclo pecharase o sábado 15 de xullo co espectáculo “Son galego. Son cubano”, de Roi Casal.

Música, maxia e Festa da Veciñanza en Fene para o Día da Patria Galega

Te puede interesar