A mostra “Arte por Siria” recauda 2.100 euros con destino aos nenos dos campos de refuxiados

A mostra “Arte por Siria” recauda 2.100 euros con destino aos  nenos dos campos de refuxiados
Diario de Ferrol-2014-10-04-010-d5fd235d

Un total de 2.100 euros. Esta foi a cantidade recadada pola exposición solidaria “Arte por Siria”, integrada por medio cento de pinturas e fotografías de catro artistas –os ferroláns Eloy Taboada e Víctor Rivera e os andaluces Franchu Medialdea e Francisco Carreño– vinculados ao proxecto de investigación arqueolóxico coordinado polo profesor da Facultade de Humanidades de Ferrol, Juan Luis Montero Fenollós, e desenvolvido durante varias campañas en terras mesopotámicas.
Os fondos serán destinados aos nenos sirios que tiveron que fuxir do seu país por mor do grave conflito bélico iniciado hai xa máis de tres anos, desprazándose así a campos de refuxiados de zonas de Turquía ou Jordania.
Os cartos reunidos proceden da venda das obras que forman parte da exposición, inaugurada no mes de abril na sede ferrolá de Afundación e pola que pasaron unhas 2.000 persoas. Logo da súa estadía na cidade naval, desprazouse a Vigo, onde tamén puido ser visitada durante un tempo.
O pasado xoves, Juan Luis Montero Fenollós e os artistas Eloy Taboada e Víctor Rivera desprazáronse a Santiago de Compostela para facer entrega do donativo á oenegué Unicef, que se encargará de canalizar os cartos a través dos programas de axuda que desenvolve nos campos de refuxiados sirios.

colaboración
A pesar de que a exposición concluíu a súa itinerancia, aínda é posible colaborar no proxecto. Así, as persoas interesadas poden mercar as obras dispoñibles a través da web arteporsiria.blogspot.com.
Cada un dos artistas ofrece a través dos seus traballos unha visión diferente do país no que ao longo de sete anos se estiveron a desenvolver as campañas de investigación arqueolóxica.
“Arte por Siria” vai máis alá da propia mostra, xa que o colectivo implicado ten intención de programar novas accións encamiñadas á crise humanitaria e destrución do patrimonio cultural en Siria.

A mostra “Arte por Siria” recauda 2.100 euros con destino aos nenos dos campos de refuxiados

Te puede interesar