Milladoiro e Tiruleque encenden o folk no Pazo da Cultura de Narón

Milladoiro e Tiruleque encenden o folk no Pazo da Cultura de Narón
Diario de Ferrol-2014-10-02-017-cba07640

A música folk galega terá no Pazo da Cultura de Narón un talismán durante este outono. Grandes nomes e grupos do país pasarán por este escenario, ás veces a pares, para ofrecer o mellor do seu repertorio e as novidades. Comezarán hoxe mesmo, ás 20.30 horas, cunha interesante conxunción entre a experiencia de Milladoiro –unha referencia inescusable na modernización e internacionalización da música galega de raíz– e os aires novos que impulsan os coruñeses Tiruleque. Os primeiros levan máis de trinta anos percorrendo medio mundo e achegando novos sons ó folk e os segundos naceron en 2002 como resultado da unión de cinco rapaces procedentes de escolas tradicionais que reinterpretan o propio sen esquivar ritmos e influencias de outros lugares. Este mesmo xullo tocaron no Festival de Ortigueira dentro do concurso Runas e alí, como hoxe en Narón, tocaron temas dos seus discos “Tiruleque” e “Mu!!” (este último de 2013).
A actuación de hoxe no Pazo da Cultura durará un par de horas e as entradas teñen un prezo de 9,50 euros, con descontos a abonados, estudantes e desempregados.

outras tres citas
Os concertos continuarán o sábado 11 coa actuación da orquestra folk Son de Seu e o quinteto BellónMaceiras. O xoves 6 de novembro Xosé Manuel Budiño presentará o seu disco “Sotaque” e o 13 dese mesmo mes serán Luar na Lubre os que pasen por Narón co seu traballo “Mar maior”.
Fóra do folk aínda haberá outra proposta musical este outono no Pazo da Cultura, a que propón Marcos Mella o 23 de outubro co pop de “La canción del bolsillo roto”. Ademais, no Nadal volverá o gospel.

Milladoiro e Tiruleque encenden o folk no Pazo da Cultura de Narón

Te puede interesar