Martina Aneiros: “O obxectivo da delegación é seguir sendo útil a todos os veciños da comarca”

A ferrolá tomou hoxe posesión do mesmo cargo que desempeñou desde xaneiro de 2022 ata o 18F
Martina Aneiros: “O obxectivo da delegación é seguir sendo útil a todos os veciños da comarca”
Aneiros tomou posesión esta mañá I Xunta

Martina Aneiros tomou este xoves posesión do cargo de delegada territorial da Xunta en Ferrol, tal como anunciara o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tralo Cosello do pasado luns, unha decisión, aseguraba onte, pola que “só podo mostrar o meu agradecemento por contar novamente comigo para darlle continuidade a esta etapa. Agradecida e moi ilusionada”. 


Aneiros destacou algúns dos proxectos que xa están en marcha, como os investimentos no plan director do CHUF, que ten por rematar “esa primeira fase e iniciar a que xa está en licitación, que é a última fase”. É unha das actuacións de maior entidade, sinala, “xunto con outros na comarca, como a segunda fase de mellora da AC-862 que conecta Ferrol e Ortegal”. A estes súmase, di, “un escenario creo que moi ambicioso, de futuro, con proxectos relevantes que comenzarán proximamente, como a renovación das infraesrtuturas deportivas da nosa cidade, o maior investimento en materia deportiva que nunca tivo Ferrol, ou esoutro proxecto, tamén moi importante, de abrir Ferrol ao mar, que conta cunha partida importante da Xunta. E tamén Ademais de seguir impulsando actuacións que xa teñen comezado, como o Rexurbe en Ferrol Vello”.


Trátase, subliña, de proxectos importantes “aos que hai que dar continuidade e desde a delegación e, máis alá da actividade diaria, de trato e de contacto cos alcaldes, coas entidades, cos veciños, estas actuacións proxectos contarán co noso apoio e coa nosa supervisión para que sexan unha realidade canto antes”. 
Canda esa función, Martina Aneiros, que accedeu por vez primeira ao cargo no momento en que se creou a delegación, en xaneiro de 2022, cre fundamental a visibilidade de cara aos veciños.


“É esencial que perciban que todas esas necesidades, demandas ou inquedanzas relacionadas coa administración autonómica teñan esa referencia na delegación territorial da Xunta e que non teñan a necesidade de marcha á Coruña ou a Santiago para intentar arranxar os seus temas”, explica, un avance, engade, que se “foi dando nestes dous anos e que a día de hoxe a cidade e os demais concellos perciben a existencia da delegación, que ten por obxectivo seguir sendo útil a todos os veciños da comarca”. 

Martina Aneiros: “O obxectivo da delegación é seguir sendo útil a todos os veciños da comarca”

Te puede interesar