Margarita Sánchez: “Non se aproveitou a desamortización para acometer unha boa reforma agraria”

A presentación comeza ás 18.30 horas de hoxe no Convento do Rosario
Margarita Sánchez: “Non se aproveitou a desamortización para acometer unha boa reforma agraria”
A historiadora, onte na praza de Armas I Jorge Meis

O vencello familiar, a ascendencia matrilineal, levou a Margarita Sánchez –Ferrol, 1948– a se interesar pola historia de San Sadurniño desde a súa etapa universitaria. Con máis ou menos regularidade –ten tocado moitos outros eidos– nunca abandonou esa vía de investigación e compilación e, froito diso, publicou en 2016, coa axuda da Deputación e a colaboración do Concello, o primeiro volume, que chega até o século XVIII. Hoxe ás 18.30 presenta no Convento do Rosario o segundo, titulado “Historia de San Sadurniño. Os marqueses. A fin do convento. Séculos XVIII e XIX”.

 

O interese pola historia do concello acompáñaa desde hai moitos anos. 
Si, daquela (anos 70) máis pola etnografía, que abordarei no terceiro volume, fun recollendo material. Entón, na Universidade de Salamanca, presentara un traballo. Logo estivo adormecendo unha tempada longa. 

Deste século e medio longo que aborda neste segundo libro, que feitos destacaría? 
É unha pregunta moi complicada. O morgado nace en San Sadurniño, pero en 1740 a marquesa viúva –o papel das mulleres é importantísimo nesta historia– decide vir para Ferrol, á rúa San Francisco, e mesmo tiñan proxectado en 1800 –daquela estábase a facer o desmonte de Dores, en Amboaxe– facer alí, onde hoxe está o Tirso, o Concello e, a carón, o pazo dos marqueses. Nos tempos doutra marquesa viúva, María Segunda, vanse a Madrid. Prodúcese aí un certo abandono do pazo porque a anterior é señora de Baltar e opta por repartirse máis entre este e Ferrol. Non abandonan o concello, loxicamente, mais cando marchan a Madrid o marqués poténciao para vir os veráns e San Sadurniño convértese nunha especie de corte: hai moitísimas visitas da familia real, doutros marqueses...

 

Cre que coñecer a historia de San Sadurniño axuda a entender mellor a historia de Galicia? 
No libro, como profesora que fun, intento explicar as cousas no seu contexto. Coido que a microhistoria reflicte boa parte da macrohistoria. Cando nace o Concello, pola Constitución de 1837, hai que organizalo. Modifícase a lei electoral; primeiro só votaban labregos que tiveran unha riqueza determinada e amplíase aos que teñan dúas xugadas de bois. A historia é permeable. Por outra parte, o convento recibía La Gaceta, que con Carlos III deixa de ser privada para facela pública e todas as ordes de Madrid, as novidades lexislativas, as novas chegan aquí. Logo está a desamortización, que estivo moi mal programada para aproveitar e facer unha boa reforma agraria. Había que facela, sen dúbida, pero tiña que terse aproveitado para moito máis, e para moito menos. Por exemplo, as bibliotecas, non só a do convento, desapareceron. A ourivaría tamén, aínda que moitas veces por causa da guerra houbo que entregala. O patrimonio desaparece por causas moi diferentes, pero podía terse conservado moito máis. Había moitos bens e, como había moitos, non se lle daba a importancia que tiña. E Ferrol, que tivo cousas moi positivas, niso de conservar patrimonio... coxea moito.

 

Aínda hoxe...
Aínda hoxe. Podes atopar unha escultura fermosísima de Montefaro no Arqueolóxico de Madrid; pezas da nosa prehistoria no Arqueolóxico de San Antón, o Tesouro Bedoya no Museo de Pontevedra, cadros...

 

En que vai incidir no terceiro volume?
Por exemplo, na corte de San Sadurniño, porque hai moitas cousas que a xente aínda lembra, pois a marquesa morreu nos anos 50. Nas casas hai bens do pazo porque os albaceas de Madrid levaron o máis importante, fíxose unha primeira poxa entre a xente máis podente e unha segunda máis popular, de descendentes de persoas que traballaron no pazo, etc. E gárdanse anécdotas que están aí, moitas delas recollidas en “Fálame de San Sadurniño”. 

Margarita Sánchez: “Non se aproveitou a desamortización para acometer unha boa reforma agraria”

Te puede interesar