Lírica en galego coa voz de Paco Montero e o teclado de Andrés Pazos

Lírica en galego coa voz de Paco Montero e o teclado de Andrés Pazos
Fundación NCG Concierto de Paco Montero

Paco Montero traslada á lingua galega os grandes temas da ópera mundial e este sábado, acompañado ó piano polo profesor e compositor Andrés Pazos, interpretará este repertorio nun recital no auditorio do Conservatorio de Ferrol. Será a partir das sete da tarde, nun acto organizado pola Sociedade Cultural Medulio e con entrada libre.
“Quero mostrarlle ó pobo galego e á xente do mundo que queira escoitalo que en galego se pode cantar ópera”, comentaba onte Paco Montero na presentación deste recital. “O noso idioma ten un 40% de verbas practicamente iguais que o italiano, por exemplo, algunhas aínda son máis fermosas”, engade para reforzar a calidade musical do galego neste tipo de xénero.
Será a primeira vez que Paco Montero toque acompañado só por un piano. O intérprete, profesor e compositor Andrés Pazos será quen o acompañe nesta proposta. El é ademais o creador dun novo tema que se estreará o sábado, unha canción que toma por base o poema “Probe Galicia, non debes chamarte nunca española”, de Rosalía de Castro. “Parece que o compuxera para os tempos de hoxe porque ten unha vixencia total, fala de que nos esquecen, que nos olvidan e nos teñen a menos cando se fala dou-tras nacionalidades como Cataluña ou Euskadi”, apuntou Montero.
Este histórico membro do grupo Los Tamara coñeceu Europa e América da man das actuacións nos centros galegos no exterior e así forxou a súa conciencia sobre os problemas do país. “Sentín o que sufrían ó non poder vir á terra e funme concienciando de que tiña que loitar pola miña terra”. Por iso este proxecto lírico “é o traballo máis importantes que fixen eu na miña vida artística pola miña lingua”.
Elia Rico, presidenta de Medulio, destaca a “aposta por que toda a cultura do noso país teña representación en tódolos eidos e por suposto tamén na lírica. Todo se pode facer na nosa lingua, que é lingua de cultura desde hai séculos”.

Lírica en galego coa voz de Paco Montero e o teclado de Andrés Pazos

Te puede interesar