Lino Braxe debuta coa curta “Dor”, baseada nun feito vivido polo autor sobre os crimes contra a infancia

Lino Braxe debuta coa curta “Dor”, baseada nun feito vivido polo autor sobre os crimes contra a infancia
Copia de Diario de Ferrol-2015-02-26-009-c19af46d

“A historia está baseada nun feito real que me sucedeu en Maracaibo: ver como asasinaban a un neno na rúa. Desde que aconteceu non me quitei da cabeza aquilo e sentín a necesidade de denunciar este feito terrible que agocha unha realidade macabra: cada cinco minutos un neno é asasinado nalgún lugar do mundo”. Así fala o escritor e actor mugardés Lino Braxe, que mañá estrea esta historia convertida en curtametraxe, “Dor”, e que supón o debut como director de Braxe. “Os diálogos que teñen lugar durante o mesmo, están recollidos da escena que escoitei. O resto de intervencións dos actores son ficción. Era necesario apostar pola ficción e non por un documental”, salienta o autor.

En canto á estrea, será mañá ás 21.00 horas, no Auditorio Alovi das Pontes, onde se poderá ver este impactante traballo de oito minutos realizado coa colaboración de Raúl García que conta coa produción de Pedro Picos e Xosé Bonome, Bucanero, que tamén participan como actores.

Explica o dúo que “a curta xurdiu tras unha conversa na que o director contou a súa anécdota a Pedro Picos e Xosé Bonome. Logo de escoitala ambos actores chamaron a Lino Braxe e propuxéronlle facer a curta. Quedaran arrepiados coa historia. Sen eles isto non sería posible. Outro tanto lle sucedeu a Raúl García, que colabora na realización da película, e que tamén se enganchou á historia e ao guión que Lino Braxe lle presentou. Sen a súa implicación total no proxecto nada sería como é”.

Por outra banda, o dúo, afeito a protagonizar espectáculos humorísticos, cambian notablemente o seu rol polo de atracadores e asasinos neste drama. “O reto está en ver se a nosa interpretación é crible para o público. Desde logo nós estamos moi satisfeitos co resultado”, adiantan. En canto á historia en si, di Bucanero: “Isto é o que queriamos contar. Non falar dos nenos escravos, nin dos nenos que morren de fame, nin dos nenos que morren en conflitos armados; se falaramos de todas as mortes producidas por estas continxencias a estatística sería aínda máis aterradora. Falamos só de nenos asasinados violentamente no mundo cada cinco minutos. Coa crueldade que isto supón e significa. Cremos que, cun tema así, o título está máis que xustificado.

Paseo por festivais

O Concello das Pontes colabora  nesta produción que xa ten unha segunda estrea o día 14 de marzo no CGAI da Coruña. Outros protagonistas da cinta son a actriz Manuela Varela, o pequeno Roi Picos, Sofía Fernández Brage, Uxía Vázquez e Sara Pena. Conta Braxe, que tamén aparece, que a curtametraxe comezará en breve unha carreira por festivais. De feito xa se fixo unha versión adaptada máis breve, de cinco minutos, para presentarse a citas cinematográficas deste xénero por todo o país.

Lino Braxe debuta coa curta “Dor”, baseada nun feito vivido polo autor sobre os crimes contra a infancia

Te puede interesar