Kirill Korsunenko, Bernaldo de Quirós e Jaeyeon Won estarán na final de piano

Kirill Korsunenko, Bernaldo de Quirós  e Jaeyeon Won estarán na final de piano
XXVIII CONCURSO PIANO CIDADE FERROL HONG JI-HWAN

O ucraniano Kirill Korsunenko, o español Antonio Bernaldo de Quirós e o coreano Jaeyeon Won competirán mañá no novo Auditorio polo primeiro premio do concurso de piano “Cidade de Ferrol”. Os tres superaron as dúas fases que se desenvolveron de forma aberta no Jofre desde o pasado venres e chegan á proba coa Orquestra Sinfónica de Galicia (dirixida por Enrique García Asensio). Aí o finalista ucraniano tocará o Concerto nº 20 de Mozart, mentres que o español interpretará o Concerto nº1 de Chopin e Jaeyeon Won o Concierto nº 2 de Rachmaninov.  O público que desexe asistir a este espectáculo pode adquirir as entradas ó prezo de dez euros na taquilla ou tamén a través de internet (www.ferrol.es/jofre). O recital comezará ás oito da tarde. A segunda fase do certame remataba onte á noite coa decisión do xurado, que escolleu a tres intérpretes entre os doce que pasaron a primeira criba. Este ano participaron un total de 34 músicos de dez países diferentes. A organización está satisfeita coa calidade dos pianistas e tamén co desenvolvemento das probas durante os días pasados, sen incidentes reseñables máis alá dos que poidan provocar os nervos ós concursantes durante a actuación. Ademais houbo unha importante afluencia de xente ó Jofre, sobre todo polas tardes, que seguiron en vivo o desenvolvemento das probas. Tamén se puido ver (e así pasará coa final) a través de www.pianoferrol.com.
Os premios consisten en 12.000, 6.500 e 4.000 euros para os tres primeiros clasificados. O gañador ademais dará varios concertos en Galicia. Tamén se entregarán, se a calidade así o xustifica, un galardón ó mellor intérprete de música española (2.000 euros) e o Gregorio Baudot ó mellor piansita galego.

Kirill Korsunenko, Bernaldo de Quirós e Jaeyeon Won estarán na final de piano

Te puede interesar