Jorge Suárez reclama un “Ferrol fraterno” nos actos do 25 de xullo

Jorge Suárez reclama un “Ferrol fraterno” nos actos do 25 de xullo

O alcalde da cidade, Jorge Suárez, reivindicou onte no seu discurso con motivo da conmemoración do 25 de xullo “un Ferrol galego e en galego” no que agrome a fraternidade “que hoxe especialmente quero compartir con vós para toda Galicia”.  Suárez quixo “reivindicar a nosa memoria como pobo, palpar a realidade cotiá da nosa loita por un futuro mellor” nun país no que “traballamos, coincidimos e discrepamos nesta construción colectiva”.
O rexedor falou nun acto pola tarde na praza do Himno Galego, diante do monumento dedicado ó ferrolán José Fontenla Leal (impulsor do himno desde o exilio cubano hai máis dun século), no que participou a corporación e outros representantes de entidades sociais e institucións da cidade. O Toxos e Froles tocou e cantou no prólogo dun discurso que Suárez tinguiu coa esperanza dunha cidade con emprego, sen sangría demográfica e cunha vitalidade que se reflicta nas rúas. “Galicia sofre o azote da crise”, afirmou, “pero o noso pobo non se resigna” e Ferrol “fixo da resistencia o seu himno e da fraternidade a súa fortaleza”. Para Suárez “os tempos nos que os pardais correrán tras dos falcóns son chegados”.
Tralo discurso realizouse unha ofrenda floral na que participaron concelleiros de tódolos grupos con representación no Concello e o propio alcalde. Ana Rodríguez (Ciudadanos), Eva Espiñeira (BNG), José Manuel Rey (Partido Popular), Álvaro Montes (Ferrol en Común) e Beatriz Sestayo (PSOE) compuxeron un mosaico coa bandeira galega que Suárez completou co escudo e as cintas mentres un gaiteiro interpretaba o “Alalá das Mariñas”, entre outras pezas. Tamén achegaron a súa contribución, como cada ano, o Real Coro Toxos e Froles e Jaime López como investigador da vida de Fontenla Leal.
O acto rematou coa interpretación do Himno Galego nunha concurrida praza.

Jorge Suárez reclama un “Ferrol fraterno” nos actos do 25 de xullo

Te puede interesar