“A Igrexa, a policía e a Armada teñen máis información sobre Marzo do 72”

“A Igrexa, a policía e a Armada teñen máis información sobre Marzo do 72”
Entrevista a Rosa Cal

A 43 anos vista dos terribles sucesos de marzo de 1972 en Ferrol, a profesora da Universidade Complutenese de Madrid, Rosa Cal, ofrece unha nova aportación sobre o acontecido naquela. No volume “Informes diversos de los sucesos de Ferrol. 10 de marzo de 1972” (Liber Factory) analiza a visión por escrito de sindicatos, partidos políticos, cristiáns de base, policías, Garda Civil ou Exército sobre os crimes e a represión franquista na cidade. O volume preséntase mañá no Ateneo Ferrolán ás 19.30 horas coa presenza de coñocedores e protagonistas que falarán do libro e dos sucesos nel relatados.       

Na presentación de mañá do seu libro  quixo implicar a moitos actores protagonistas dos feitos do 10 de Marzo de 1972.
Quixen que así fose para dar a súa visión do acontecido personmalmente ou respecto das siglas que representan. Conto con Antón Mesejo, por Cáritas; Celso Domínguez, por USO;  Francisco Rodríguez, da UPG; Eliseo Fernández, pola CNT; Rafael Pillado, por CCOO e o PC; Beatriz Sestayo, polo PSOE; Enrique Barrera como historiador e eu mesma. Falaremos tanto do libro como dos propios feitos.

Que aporta de novidade a súa investigación?
Máis que opinións en si interesábanme os feitos e as visións, e os informes oficiais que contaran o que ocurrira. Así, no arquivo do movemento obreiro de Alcalá apareceron dous textos do PSOE e da UGT que viñeron de Francia, ou informes internos da brigada político-social para tratar o asunto de forma inminente.

Que documentos atopamos neste libro?
Sintetizando moito, de dous tipos, os que están a favor e en contra dos obreiros. No segundo caso estaría a policía, e no primeiro, todos os demais. No caso da Policía Armada o informe é unha vergoña: non fala nin dos obreiros mortos nin dos feridos.

O seu foi un traballo de pescuda de documentos. Como resultou ese labor?
Houbo de todo. Nalgúns arquivos moi ben como no do Reino de Galicia da Coruña, ou o do Arquivo Militar do Noroeste en Ferrol, que é excelente. A policía di que non ten nada, así que nin sequera puiden ver nin as dúas caixas sobre o tema que si que teñen...

E no caso da Igrexa?
Había un tema moi interesante que era sobre o bispo Araúxo Iglesias. Nun libro narra as súas vivencias en marzo do 72 e que pola súa actuación foi denunciado por alguén á nunciatura, que como é sabido é como a embaixada do Vaticano. Como non teñen arquivo histórico, fun á conferencia episcopal, en orixe o órgano de defensa dos bispos. Alí me dixeron que algo había sobre o tema pero que non me podían facilitar ningún documento ata que pasasen 80 anos... así que terei que coidarme moito.

“A Igrexa, a policía e a Armada teñen máis información sobre Marzo do 72”

Te puede interesar