IES Concepción Arenal e Ludy, da man no Club de Ciencias Steam

IES Concepción Arenal e Ludy, da man no Club de Ciencias Steam

Do Ludy saen cada ano alumnos que, na súa meirande parte e logo de rematar a etapa de Primaria, optan por seguir a súa formación no IES Concepción Arenal, instituto ao cal o colexio está adscrito.

Isto que fai que desde hai anos, ambos manteñan unha estreita relación de colaboración materializada nos sucesivos cursos en actividades conxuntas como xornadas de convivencia ou charlas comúns entre o alumnado de 5º e 6º de Primaria e o de 1º da ESO, o cal acaba de dar un paso entre un centro e outro.

O obxectivo é claro: “trátase de facilitar o paso ao alumnado e crear vínculos entre dous períodos tan fundamentais para a educación e aprendizaxe da vida”.

Este curso xermolou unha nova forma de colaboración, o Clube de Ciencias Steam (siglas relativas ás disciplinas de ciencia, tecnoloxía, enxeñaría, arte e matemáticas).

Trátase dunha iniciativa á que dan vida 20 alumnos e alumnas dos dous centros e cinco Mestres do Concepción Arenal xunto a un do Ludy.

Na actividade, impulsada por un grupo de docentes do ámbito científico e tecnolóxico do instituto, o alumnado participante ten a oportunidade de desenvolver proxectos tan interesantes como a creación de aplicación para teléfonos móbiles, creación de xabóns naturais, investigacións sobre personaxes galegos e as súas aportacións para a Ciencia ou mesmo un traballo relacionado coa robótica que permitiu ao grupo participar na recente fase galega da competición da First Lego League celebrada en Ferrol.

implicación
Desde o colexio Ludy amosan a súa ledicia “á hora de poder ver participar e aprender a alumnado que cursa desde 6º de Primaria no noso centro, conxuntamente a alumnado de ata 2º de Bacharelato do IES Concepción Arenal, amosando así que o interese e o coñecemento non teñen nen idade nen fronteiras”, salientan.

Desde este colexio ferrolán destacan así mesmo a implicación do profesorado que toma parte no proxecto “que aportan dúas horas semanais da súa vida persoal, todos os mércores de 17.30 a 19.30 horas, rachando así moitos prexuízos que están ás veces vistos de forma errónea na sociedade e amosan que o labor dun docente vai máis aló das súas horas establecidas de xornada laboral”.

IES Concepción Arenal e Ludy, da man no Club de Ciencias Steam

Te puede interesar