Hixinio Puentes relata a odisea da familia Pita Armada e a axuda de Pablo Neruda

Hixinio Puentes relata a odisea da familia Pita Armada e a axuda de Pablo Neruda
O escritor do Barqueiro investigou durante anos os sucesos

A última novela do mañonés Hixinio Puentes, “Winnipeg” (Edicións Xerais), conta unha viaxe insólita nun vello vapor e afonda na vida de tres dos seus protagonistas, os irmáns de Cariño Manuel Pepe e Vicente Pita Armada, marcados a lume pola Guerra Civil.

A travesía sucedeu en agosto de 1939. O barco Winnipeg saía do porto francés de Paulliac para arribar, un mes despois, á cidade chilena de Valparaíso. O feito fixo, por varias razóns, concentrar millóns de miradas naquel buque adaptado para o transporte de persoas. No interior do vapor viaxaron, oficialmente, uns 2.100 exiliados republicanos españois procedentes dos campos de refuxiados franceses. Entre eles había uns 20 galegos, case todos de Malpica, e tres irmáns de Cariño. Unha aventura que fora posible grazas á solidariedade do poeta Pablo Neruda, motor da iniciativa, e ao seu Goberno dirixido entón por Pedro Aguirre Cerda. Tampouco faltaron fondos postos por xentes tan insospeitadas como un grupo de cuáqueros.

Hixinio Puentes, un dos grandes narradores e coñecedores do mundo mariño de noso, chegou á historia tras pescudar na organización da pesca no Ortegal, xa que os irmáns Pita Armada foron os responsables do sindicato pesqueiro da CNT en Cariño nos anos 30, un feito que condicionou a súa vida e a da súa familia, mergullada a partir de entón na traxedia e no heroísmo. O mundo sindical pesqueiro, as organizacións da República, a sublevación militar e as súas consecuencias nas comarcas de Ortegal, Eume e Ferrol conforman o marco para falar dunha familia e dos terribles bucles da historia. A España de 1936 e o Chile de Pinochet unidos na experiencia de tres irmáns.

 

Como naceu a novela?

Déronse varias circunstancias. A min interesábame coñecer a organización da pesca na zona do Ortegal nos anos en que xorden os pósitos e as confrarías. Antes as familias dos mariñeiros mortos ficaban á intemperie cando sucedía unha desgraza, sen axuda de ningún tipo. Organizábanse caravanas en carrozas ás que a xente tiraba moedas, e esa era a axuda que tiñan. Coa República a xente tivo que sindicarse, na UXT e na CNT principalmente, para poder pescar. Paralelamente din cun artigo de Ramón Chao no que conta a aventura do Winnipeg fretado por Neruda para axudar aos exiliados españois desde Francia a Chile, unha historia que me conmoveu. Finalmente caeu nas miñas mans unha autobiografía de Pepe Pita Armada, que conta a súa historia e a da súa familia.

 

Os protagonistas, Pita Armada, son empresarios e sindicalistas, algo pouco frecuente.

Si, é sorprendente. Os Pita Armada eran unha familia moi ben situada nos anos 30 en Cariño, con fábricas, gasolineiras, comercios, etc. O seu pai fora un home feito a si mesmo. El e a súa muller tiñan once fillos. Un deles, Manuel, que é o narrador da historia, comeza a organizar cos seus irmans a CNT, algo que non gustou moito ao pai e que chocou coas forzas reaccionarias do pobo, con consecuencias tráxicas.

 

A novela conta a historia de tres dos irmáns, unha aventura que só se pode dar en tempos tan convulsos.

Co estoupido da guerra, Pepe, Manuel e Vicente fuxen de Cariño no pesqueiro asturiano Arkale. Van a Francia, son devoltos a España, loitan contra os requetés en Irún, percorren todo o Cantábrico e acaban embarcando para a zona republicana no Mediterráneo. Alí botan un tempo traballando en varios proxectos e cando a fin da guerra se albisca acaban nun campo de refuxiados francés en Alxeria. Os outros irmáns que ficaron en Cariño foron fusilados, e a familia que queda no pobo tivo que acabar marchando á Coruña porque se lles fixo a vida imposible.

 

Como chegaron os tres irmáns a embarcar no Winnipeg?

Viron o anuncio nun xornal e grazas a un amigo que vivía na Arxentina conseguiron os cartos algo que lles aseguraba a pasaxe porque houbo unha selección moi grande da tripulación. Cando tiveron os billetes marcharon nun ferry a Marsella, atravesaron Francia en tren e finalmente partiron o 4 de agosto de 1939 do porto de Paulliac. Como mercaran a pasaxe tiveron sorte, porque quedou moita xente fóra. Logo, despois dunha travesía tremenda, cando chegaron a Valparaíso estaba a agardalos moita xente, entre eles Allende, entón ministro de Sanidade.

 

Precisamente na novela hai un paralelismo entre o golpe de Estado en España no 36 e no Chile de 1973.

Si, o narrador Manuel conta desde o levantamento de Pinochet e o asasinato de Salvador Allende e a morte misteriosa de Neruda, que polo que se ve regresa nestes días á actualidade. Hai un recordo entre o sucedido en España e o que se vía que pasaría en Chile. De feito un dos irmáns, Pepe, non o soportou e marchou ao Canadá xa para sempre.

 

Hai invención en “Winnipeg” ou é unha crónica novelada?

O relatado atense a feitos reais, pouco inventei. Consultei algún arquivo e moita prensa da época. O que máis me interesaba era coñecer a organización sindical da pesca en Cariño, os partidos políticos e acontecementos como a visita que fixera Federica Montseny á localidade. Logo contei coa axuda de Pancho de Pita, fillo de Vicente, non confundir cun dos seus tíos que tamén se chamaba Pancho e que foi un dos fusilado polos falanxistas. Pancho morreu hai catro meses e aínda que non puido ver o libro si coñecía o texto, que lle pasei para que botase unha ollada e me asesorase. Tivemos moitas conversas e axudoume moito a coñecer o que pasara na súa familia. Lamentei moito que non puidera ver o libro publicado.

Hixinio Puentes relata a odisea da familia Pita Armada e a axuda de Pablo Neruda

Te puede interesar