Grupo Alalá: “Somos moi diferentes, pero únenos o amor pola literatura”

A editorial Medulia publica unha escolma coas súas creacións
Grupo Alalá: “Somos moi diferentes, pero únenos o amor pola literatura”
Os membros do colectivo, no acto da pasada fin de semana no Cine Alovi I Vicente Roca

O Grupo Poético Alalá das Pontes cumpre dúas décadas de vida e faino cun libro que reúne creacións das persoas que ao longo deste tempo teñen integrado un colectivo diverso e unido. 

Que valoración fan desta primeira etapa?
Moi positiva. Foi moi estimulante para os integrantes do grupo a nivel de creatividade. Non nos coñeciamos e artisticamente somos moi diferentes, e esa diferenza foi moi motivadora e fómonos enriquecendo da poesía dos demais, sen perder cada un a súa esencia. Ademais, naceu unha relación de amizade que valoramos moito.

 

Que finalidade perseguían coa creación dun grupo destas características? Cren que cumpriron os obxectivos?
Inicialmente, o que pretendiamos era dar a coñecer a nosa poesía e tamén a poesía doutros autores e autoras que veñen de convidados aos recitais, así como de poetas consagrados aos que fixeramos homenaxes. Un obxectivo moi importante era pór valor a lingua galega e traballar na súa difusión. Cremos que eses obxectivos se están a cumprir, sen que isto signifique que se esgotasen, por suposto. Seguimos traballando con esas miras. Hai moito camiño que percorrer aínda.

 

Neste tempo houbo algún momento no que, polas circunstancias que poden darse en tantos anos, pensasen en ter que disolver o grupo?
Non. Houbo xente que marchou e tamén novas incorporacións. Dos cinco fundadores do grupo continúan catro: Ofelia López, Gloria David, Aníbal Ánxel e Santi del Moral. Gemma Bermúdez marchou vivir fóra das Pontes e daquela deixou o grupo. E houbo dúas novas incorporacións: Mª Carmen Freire no 2008 e Silvia Pardo no 2015. Evidentemente, o grupo non é como era hai vinte anos: evolucionou, e cremos que para ben.


Vén de publicarse un libro na editorial Medulia que resume estes primeiros vinte anos de existencia. É difícil publicar poesía hoxe en día? 
Seguramente publicar non é difícil. Nós tiñamos o apoio do Concello das Pontes, que mercou un número de exemplares, o que o fixo máis doado. Outra cousa é que te lean. A poesía non é unha lectura de masas. E en galego, aínda menos.

 

Cal é a clave para manter o grupo unido e operativo cando hai tantas sensibilidades diferentes?
Precisamente esas sensibilidades diferentes. Somos moi respectuosos entre nós. Cada persoa do grupo ten unha ideoloxía e unha maneira de entender a poesía distinta, pero únenos o amor pola lingua e pola literatura. 

Grupo Alalá: “Somos moi diferentes, pero únenos o amor pola literatura”

Te puede interesar