O Grelo Folc achega a Monfero a vangarda da música de raíz

O Grelo Folc achega a Monfero a vangarda da música de raíz
Diario de Ferrol-9999-99-99-999-d010ecb4

A asociación O Abordelo volve convocar á festa no mosteiro de Monfero. Alí celebrarase, o sábado 18 de outubro, unha nova edición do Grelo Folc, unha proposta que se recuperou hai uns anos con boa estrela e que abrangue todo tipo de estilos musicais. No festival deste ano conviven os sons máis pegados ó tradicional de Eudemónicas ou A requinta da Laxeira co persoal pop-rock de Ataque Escampe ou as influencias ska e punk de Trapallada. Todo iso a partir das dez da noite e con entrada libre.
O Grelo Folc, porén, ten actividades desde o mediodía, cun xantar popular no que primará o churrasco. Custa doce euros por persoa e hai que inscribirse nos números 679 251 163 ou 698 166 277. Tamén se pode facer a través do correo oabordelo@gmail.com.
A Nabiciña, para os nenos, está prevista a partir das seis da tarde. Haberá bailes, cantos e xogos musicais que contarán coa participación de Branca Villares (de Eudemónicas) e de Pablo Pintor e nos que os rapaces tamén poderán tocar. Ademais, antes de que chegue a hora dos concertos, organizaranse xogos populares para tódalas idades.

os grupos
Baixo a carpa instalada no exterior do mosteiro de Monfero soará pola noite a percusión e as voces de Eudemónicas. Ataque Escampe chegan presentando o seu traballo máis recente, “O disco vermello”, editado este mesmo ano. A multitudinaria festa que propón A requinta da Laxeira chegará a continuación, recuperando na súa proposta folk a requinta da zona do Ulla como instrumento. Traen con eles o seu disco “Maise”. E Trapallada chegan desde Monte Alto asumindo herdanzas de bandas como Diplomáticos, Xenreira ou Skarnio. Propoñen unha mistura de música ska, punk e de raíz que recollen en traballos como “Pedras no camiño”.

O Grelo Folc achega a Monfero a vangarda da música de raíz

Te puede interesar