O gran espectáculo “O poder do Arcabuz” sobre a Revolta Irmandiña chega a Moeche

O gran espectáculo “O poder do Arcabuz” sobre a Revolta Irmandiña chega a Moeche
Diario de Ferrol-9999-99-99-999-57979e57

Arredor dun cento de artistas, entre bailadores, coro e músicos, dan forma ao espectáculo de gran formato “O poder do Arcabuz”, unha recreación artística da Revolta Irmandiña do século XV froito da colaboración entre a compañía de Quique Peón e o grupo de música e baile tradicional Xacarandaina.
A montaxe chegará o sábado 7 de maio a Moeche da man da Área de Cultura da Deputación da Coruña. Terá lugar a partir das 21.30 horas, no pavillón municipal de Deportes, e as entradas están xa á venda. Custan 3 euros e poden ser adquiridas na Casa do Concello de luns a sábado, entre as 9.00 e as 15.00 horas –non se admite reserva de entradas–. Tal e como se informa desde o propio consistorio, as portas pecharanse ao comezo do espectáculo e non se permitirá o acceso durante a representación.
A proposta escénica, estreada o pasado decembro no Teatro Colón, “traslada aos nosos tempos unha historia temporal, a dos poderes abusando do pobo, recreando a forma asemblearia e popular de goberno para Galicia das revoltas irmandiñas”, salientan desde un municipio que, precisamente, viviu un dos seus máis importantes acontecementos históricos no marco da devandita sublevación, neste caso arredor do castelo de Moeche.

O gran espectáculo “O poder do Arcabuz” sobre a Revolta Irmandiña chega a Moeche

Te puede interesar