Os gañadores do Carvalho Calero reivindican o activismo pola lingua

Os gañadores do Carvalho Calero reivindican o activismo pola lingua
Concello Entrega dos Premios Carvalho Calero

A entrega do Premio Carvalho Calero no Concello de Ferrol foi onte un acto de ledicia pero tamén de preocupación polo futuro da lingua galega e de reivindicación da súa defensa por parte das institucións públicas e dunha sociedade civil que a través de persoeiros e entidades mantén aceso o facho onde outros o abandonan. Cristina Pavón Mauriz gañou o certame no apartado de creación literaria co libro de relatos “A busca da orixe perdida das especies”, e Isaac Lourido Hermida foi galardonado no eido da investigación por “História literária e conflito cultural. Bases para unha história sistémica da literatura na Galiza”. Cada un deles recibe 3.700 euros (cantidade que o goberno local quere  ampliar para a convocatoria de 2016, aínda que hai eleccións polo medio)e ademais o Concello e a Sociedade Cultural Medulio, organizadores do concurso, editarán os orixinais premiados. Ata o de agora fíxose a través da editorial Laiovento.
“É visible, audible e palpable que vivimos unha situación realmente preocupante para a lingua galega”, comezou Cristina Pavón. “O galego xa non é a lingua falada pola maioría dos habitantes deste país pero malia a contundencia dos datos na Xunta óptase polo optimismo”. Trátase “dun goberno cínico que vén empregándose a fondo contra o galego” tanto nos colexios como nos fondos decrecentes que destina cada ano á promoción do idioma propio. Fronte a isto “ten que ser a cidadanía quen a difunda e faino, e isto é motivo de celebración”, apuntou. Subliñou iniciativas coma a do Premio Carvalho Calero, do que destacou ademais a súa liberdade normativa “aínda que eu por agora non sigo a normativa reintegracionista pero interésame”, editoriais como Laiovento, o compromiso dos profesores no ensino e tamén os avances do idioma no eido tecnolóxico como o dominio .gal ou o Android en galego.
Isaac Lourido foi tamén reivindicativo na súa intervención e falou de Carvalho Calero, da súa importancia e do necesario que é “loitar para que non caia no olvido e para dignificar a súa figura en toda a súa amplitude, non só na lingua”. Tamén se referiu a José Rubia Barcia, de quen se cumpre en 2014 o centenario do seu nacemento, como unha figura ferrolá de relevancia “cun recoñecemento aínda insuficiente”. Louvou Lourido á Fundación Artabria pola súa coherencia ó defender o legado de Carvalho Calero e ó Ateneo Ferrolán, institución “cunha situación problemática e cunhas reivindicacións que eu comparto plenamente”.
Cos gañadores estiveron Elia Rico, presidenta da Sociedade Cultural Medulio, e o concelleiro de Cultura, Reyes García Hurtado. Rico destacou a importancia de Carvalho Calero para as letras galegas e tamén a súa integridade, posto que “nunha trocou Carvalho o aplauso pola honestidade”. Entre os desexos de conservar a súa memoria e a cultura propia falou tamén dos “restos mortais” da súa casa, na rúa San Francisco, que podería converterse “nun espazo de memoria e dignidade” se se invirte na súa recuperación.
García Hurtado fixo unha encendida defensa do idioma e volveu pedir que a Real Academia Galega lle conceda a Carvalho Calero o Día das Letras. Asegurou que se non se fai é por motivos políticos e que a RAG é unha “institución anacrónica, arcaica e machista”. Tamén recoñeceu o labor de asociacións como a Fundación Artabria, defendeu a liberdade normativa e afirmou que “cando os políticos poñen as súas mans sobre a cultura e a lingua os resultados poden ser nefastos”. “Tamén é nefasto cando a cultura se politiza”, engadiu. n

Os gañadores do Carvalho Calero reivindican o activismo pola lingua

Te puede interesar