A Fundación Torrente Ballester acolle unha mostra sobre a faceta fotográfica do escritor

A Fundación Torrente Ballester acolle unha mostra sobre a faceta fotográfica do escritor
Diario de Ferrol-2015-02-28-011-cbdac718

A Fundación Gonzalo Torrente Ballester de Santiago inaugura o próximo martes, día 3 de marzo, unha exposición de fotografías do escritor Gonzalo Torrente Ballester titulada “Outra mirada”. A inauguración celebrarase na sede da fundación, na rúa do Vilar, ás 20.00 horas. A exposición foi elaborada a principios deste ano por dúas comisarias e alumnas en prácticas de Xeografía e Historia e Historia da Arte da USC, Lucía Alcaina e Begoña Álvarez, e coordinada polo xerente da fundación, Miguel Fernández-Cid. Conta coa colaboración da Xunta de Galicia, Deputación da Coruña, Concello de Santiago e Universidade de Santiago de Compostela.

O escritor Gonzalo Torrente Ballester (1910-1999) mostrou a súa faceta creativa tamén no mundo da fotografía, ás veces desde un punto de vista documental para os seus traballos literarios e noutras ocasións cun mero desexo estético. “Torrente Ballester é un escritor en extremo visual, que recrea imaxes e parte delas. Revisando os seus arquivos, atopamos abundantes fotografías caseiras, entre as que de inmediato empezan a definirse unhas constantes, uns temas, uns intereses, unha forma de mirar”, explica Lucía Alcaina.

Diálogos

Segundo as comisarias, as fotografías son diálogos que se establecen entre o autor e os elementos ou persoas retratadas nas prazas e rúas de Ferrol, Pontevedra, A Coruña, Santiago e outras localidades galegas. “A fotografía é para Torrente Ballester un medio privado, persoal e case íntimo. Interésalle o que evoca a imaxe, os recordos e vivencias que contén”, destaca Alcaina.

A mostra do autor de “Los gozos y las sombras” conta con sesenta fotografías realizadas cunha cámara Yashica montada sobre un trípode. Gonzalo Torrente Ballester revelaba as súas fotografías en establecementos comerciais, xeralmente copias pequenas e en formatos populares tipo 9x12,7 ou 7,5x10,4 centímetros. A exposición poderá visitarse ata o mes de abril os venres, sábado e domingo.

A Fundación Torrente Ballester acolle unha mostra sobre a faceta fotográfica do escritor

Te puede interesar