Fonda actividade da Irmandade da Fala da Coruña 2 (LXXXV)

Fonda actividade da Irmandade 
da Fala da Coruña 2 (LXXXV)

A importante presenza –da que falei na última entrega– da Irmandade coruñesa no enterro de Murguía -non atopei mención ningunha á participación da Irmandade Nazonalista-, un acontecemento social relevante, podémolo tomar como unha evidencia de que a actividade da Irmandade da Fala no ano en que fora Conselleiro 1º Xohan Vicente Viqueira fora realmente intensa e significativa. Mesmo na etapa final, días antes da asemblea de renovación de cargos, o 25 de marzo, Peña Novo e Tomás Rodríguez Sabio acudiran a Tui, á manifestación agraria de homenaxe ás vítimas de Sobredo. A Nosa Terra, de 1º de abril de 1923, no solto “Movimento agrario / A manifestación de Tuy”, recollía que “Nunca en Galicia se veu un acto tan impoñente, tan impresionante e conmovedor. Mais de doce mil labregos coas bandeiras de Galicia ao frente entraron pola mañán na Cibdade de Tuy por todal-as ruas cantando hinos de libertade”. E todo iso malia que “o Goberno prohibeu a manifestación porque os caciques, por instinto de conservación, movilizaron todos os oustáculos para impedil-a, e pese a todo a manifestación realizouse porque aquel era un inmenso exército de labregos que ningunha forza podía conter”. Esa presenza dos irmandiños coruñeses era unha actividade directamente relacionada coa constante participación de membros da Irmandade en actos reivindicativos de carácter agrario celebrados na comarca coruñesa e nas súas proximidades: A Laracha, Santa Cruz do Porto, Paiosaco, Agolada, Sofán, Santa Comba, Cecebre, Malpica, Carballo... nos que adoitaban intervir como oradores Peña Novo, Lugrís Freire ou Tomás Rodríguez Sabio. Outra actividade, nunha liña ben diferente, destacada pola memoria do ano, foi o ciclo de conferencias iniciado o 30 de xaneiro coa intervención de Peña Novo co que A Nosa Terra, de 15 de febreiro, no solto “As conferencias da Irmandade / Conferencia do irmán Peña Novo”, consideraba un “traballo de definición doutrinal e de orientación política”. A segunda das intervencións foi a de Carré Aldao, que falou “Do nacionalismo e outras cousas que co él teñen relación”, celebrada o 23 de febreiro. Xa no mes de marzo houbo tres conferencias: o día 2, Ánxel de Castillo falou sobre “A importancia da nosa riqueza monumental”; dúas semanas despois, o venres 16, Lugrís Freire deu “Unha leición d’etnografía” e o día 23 Lesta Meis interveu Lesta Meis titulando “Da nosa psicoloxía” a súa charla. No momento da asemblea, o 1º de abril como xa quedou dito, faltaba por pronunciar a sexta das conferencias do ciclo, a que pronunciaría Leandro Carré Alvarellos cinco días despois baixo o título “A moderna orientación do Teatro Galego”.
A sección “Novas da causa / Irmandade da Fala da Cruña”, d’A Nosa Terra de 15 de maio de 1923, informaba da Xuntanza da Directiva que se celebrara uns días antes, o día 6, na que se nomearan os irmáns que conformarían as tres seccións da irmandade coruñesa aprobadas na sesión anterior.
Así, a “Seución de Cultura e Fala” quedou integrada por Leandro Carré Alvarellos, como presidente, Bernardino Varela, como secretario, e Francisco María Balboa, Manuel Lugrís Freire, Xosé Baldomir, Fuco Abelaira e Víctor Casas, como vocais.
A “Seución Agraria” presidiríaa Tomás Rodríguez Sabio, acompañado de Enrique Rodríguez Sabio, como secretario, e Luis Reynante, Benito Ferreiro, Felipe Sánchez, Antón Álvarez e Luis Pena Novo, como vocais.
Da “Seución Política” encargaríanse Luis Pena Novo, como Presidente, Ánxel Casal, como secretario, e Antón Martínez, Tomás Rodríguez Sabio, Federico Zamora, Carlos Monasterio e Ramón Moscoso.
Nesa xuntanza tamén se acordou nomear Peña Novo e Tomás Rodríguez Sabio “direutor e Segredario de Redaución”, respectivamente, do xornal A Nosa Terra.
Nesa xuntanza directiva aprobouse facer unha excursión dos irmáns e das súas familias a Abegondo, o domingo 27, con motivo de cumprirse, o día 18, o aniversario da fundación das Irmandades. Dada a importancia da xornada, rogábase a todos os irmáns que acudisen, levando cadaquén a súa comida para botar todo o día no campo.
A directiva tomou tamén o acordo de celebrar “un gran acto d-afirmación nacionalista” en Sada, co obxecto de celebrar a “festa da bandeira” na vila que “tan xenerosamente contribuira a dotar a esta sociedade da enseña groriosa da nosa Patria”.
O boletín informaba, así mesmo, de que coincidindo con ese acto se ía constituír nesa vila mariñeira unha Irmandade da Fala “atendendo aos desexos espresados por moitos amigos nosos de Sada, que desexan incorporarse oficialmente ao movimento de liberación de Galicia, que hoxe encarna en outo grado a Irmandade da Fala da Cruña, escola de desinteresado e forte patriotismo”.
Das actividades, moi inferiores ás da Irmandade da Fala da Coruña, áchase noticia nas páxinas do xa citado xornal betanceiro Rexurdimento / Órgao da I.N.G. Desde a segunda das entregas do ano 1923, en todos os número insertaba unha columna de media páxina, “Movimento Nazonalista Galego”, onde, ademais de deixar claro que a Irmandade Nazonalista Galega tiña por fin “a formación d’unha forte concencia nacional galega que nos enxebrice totalmente e nos leve a conquerirmos a autonomía integral da Galiza e o mais outo grado de progreso moral e material pra Ela”, mais sen deixar claro por que vías se podería chegar a lograr eses fins, recollía os lugares nos que a I.N.G. tiña presenza así como daba os nomes das persoas ás que se poderían dirixir as persoas que desexasen información da organización nacionalista. Eran estas: José Calviño, na Coruña; Jaime Quintanilla, en Ferrol; Alfonso V. Monjardín, en Ourense; Victoriano Taibo, en Santiago; Paulino Naveira, en Betanzos; Banet Fontenla, en Monforte; Ramón Villar Ponte, en Viveiro; Valentín Paz Andrade, en Vigo; José Rodríguez de Vicente, en Baiona; Gonzalo López Abente, en Muxía; Castelao, en Pontevedra; Julio López, en Lugo; Lois Cortón, en Madrid; Manuel Blanco Pascual, na Habana; Ramiro Isla Couto, en Buenos Aires; José Ares Miramontes, en Rosario de Santa Fe e Joaquín Peña, en Liverpool.
Nesa sección tamén se publicitaba que a Irmandade Nazonalista Galega “tiña por xefe un Conselleiro Supremo, asistido de catro Conselleiros e un Segredario Xeneral”.
Lendo eses nomes haberá que coincidir coas palabras do solto “D’interés para tódol-os galegos”, aparecido no quinto número de 1923, que din que “A I.N.G. é un orgaismo no que figuran os millores pensadores e artistas da nosa Terra. E unha verdadeira relixion de homes honrados, limpos de toda cubiza persoal. E unha institución modelo. O mais serio e trascedental que endexamais se fixo na Galiza”.
Mais cumpriría dicir tamén que non era menos certo que fóra dese grupo, non moi numeroso por outra parte, de homes de letras e artes a presenza social da organización dirixida por Risco era practicamente nula.
Era unha organización de figuras, sen base social que puidese termar delas e, consecuentemente, cun futuro moi pouco claro.

Fonda actividade da Irmandade da Fala da Coruña 2 (LXXXV)

Te puede interesar