“Ferrol ten dous vetos, un ao naval e outro a Ricardo Carvalho Calero”

“Ferrol ten dous vetos, un ao naval  e outro a Ricardo Carvalho Calero”
Diario de Ferrol-9999-99-99-999-16d55e05

“Como colectivo non entramos na conveniencia de adicarlle a Filgueira Valverde as Letras Galegas de 2015, pero desde o punto de vista do noso traballo, do recoñecemento a unha figura da dimensión de Ricardo Carvalho Calero, está claro que é moi frustrante a decisión da Real Academia Galega (RAG). Agora teremos que valorar se continuamos o noso traballo ou non”.
Así falaba onte o profesor Xosé María Dobarro, un dos integrantes da comisión para a adicatoria do Día das Letras Galegas 2015 ao autor ferrolán que unha vez máis ve como os seus esforzos son en van trala decisión da RAG de adicarlle o próximo ano ao polígrafo pontevedrés Xosé Filgueira Valverde. Máis contundente foi a intervención nunha rolda de prensa do tamén profesor Manuel Pazo, quen sintetiza o que sucede co autor ferrolán: “Ferrol ten dous vetos, un á construción naval e outro a Ricardo Carvalho Calero”.
A decepción da comisión creada por un amplo espectro de entidades e individuos da cidade e a comarca é maior se cabe en tanto que este ano as esperanzas eran máis altas, segundo confesaron os seus responsables.

apoio popular
“Tivemos reunións co propio presidente, Xesús Alonso Montero, a quen, aínda que nos dixo que el só tiña un voto, lle deixamos claro que a candidatura de Carvalho tiña un apoio popular insólito, desde asociacións culturais e veciñais ata sindicais. Nunca o vimos fácil pero pensabamos que esta vez á RAG se lle terminaban os argumentos para non homenaxear a Carvalho. Trabucámonos”. A comisión aínda foi máis alá e acusou a RAG de “negar a realidade” e de claudicar ante “lobbys de carácter ideolóxico e económico” na súa decisión.
Outro dos membros da comisión, Bernardo Lorenzo, manifestouse na mesma liña aínda que cun matiz máis optimista: “A RAG amosou que non soubo estar á altura e que a sociedade civil, unha vez máis, vai por diante das institucións. Nos últimos tempos a proposta de Carvalho Calero non deixou de sumar adhesións ata o punto de que todo tipo de colectivos na cidade e na comarca, desde o ensino ata os sindicatos ou, o máis estimulante, o comité de empresa de Navantia, sumáronse á proposta de Carvalho Calero. Porén hai algo máis importante que a adicatoria do Día das Letras Galegas ao noso escritor, o feito de que estamos sendo quen de difundir e espallar a obra e personalidade de Carvalho Calero. Por iso creo, a nivel particular, que sería bo continuar este traballo con esta ou outra comisión cos matices ou cambios que compra”.
Outra das visións que a comisión puxo sobre a mesa verbo da decisión da RAG foi a económica. “Esta decisión afecta tamén desde o punto de vista económico, coas edicións de traballos, congresos e todo tipo de iniciativas verbo do escritor homenaxeado. Esta era unha oportunidade de ouro da RAG para amosar a súa solidariedade, darlle unha alegría a unha cidade e a unha comarca tan castigada no eido económico”. Neste sentido, a comisión deulle a volta a un dos “supostos” argumentos da Academia para non homenaxear ao ferrolán: a súa lusofonía. “Con esta aposta a RAG vai en contra ata do Parlamento de Galicia, onde por unanimidade se chegou á decisión de tomar medidas, desde linguísticas ata económicas, que nos acheguen a ese mundo, por exemplo a Brasil, onde moitos galegos xa están a  ter unha oportunidade laboral”.
Como remate, desde a comisión formularon un paradoxo: “algún dos académicos que votaron o sábado algún día fará un ensaio sobre Carvalho Calero e terá que contar todo o esperpento que está a vivir a súa figura. Será divertido lelo”.

“Ferrol ten dous vetos, un ao naval e outro a Ricardo Carvalho Calero”

Te puede interesar