Ferrol súmase ao movemento irmandiño (VIII)

Ferrol súmase ao movemento irmandiño (VIII)
Ideal Room onde se celebrou o almorzo galeguista de febreiro de 1917

Non debeu ser moi doado chegar a conseguir montar unha Irmandade da Fala en Ferrol, malia a existencia de certa tradición galeguista evidenciada coa existencia da Orquestra “Airiños da Miña Terra”, fundada en 1901, e do Coro “Toxos e Froles”, fundado a finais de 1914, polo entusiasmo do gaiteiro Manuel Lorenzo Barja, e recoñecido oficialmente deste xaneiro do seguinte ano.
Digamos, a título de exemplo, que o diario local El Correo Gallego non se fixera eco da fundación da Irmandade da Fala da Coruña o 18 de maio de 1916. Sabido é que, neses anos, se trataba dun xornal que só constaba de catro páxinas, dúas delas como mínimo dedicadas a publicidade, e que tiña un ámbito de difusión reducido e circunscrito aos concellos da ría ou case. E A Coruña non o era.
En calquera caso, intentos previos á constitución definitiva non faltaron. Así, o primeiro número d’A Nosa Terra (14-XI-16) daba conta de que, seguindo os pasos da Coruña, Santiago, Monforte, Ourense e Pontevedra, se tratara de constituír un grupo irmandiño, pero que o intento fracasara. Ao que engadía:“Y-é lástema, xa que alí cóntase con notabres elementos”. Sen dúbida que si, e aí, sen ir máis lonxe, os Charlón, Hermida, Comellas ou Cabo Pastor figuraban na relación de persoas recollida en “A xente d’este Boletín. Redautores e colaboradores, mais o asunto non daba arrancado.
A comezos do ano 1917 a Irmandade coruñesa decidiu poñer en marcha un “Comité d’aición galeguista da Hirmandade da Fala”, nos que figuraban Xenaro Mariñas, Carballal Lafourcade, Alfredo e Lois Somoza, Lois Peña Novo, Francisco Tettamancy, Manel Lugrís ou os irmáns Antón e Ramón Villar Ponte. Os primeiros obxectivos foron os de desenvolver mitins de propaganda en localidades de relevo onde aínda non houbese agrupación constituída. Iniciarían a andaina en Lugo -o 28 de febreiro- e continuarían en Ferrol o 11 de febreiro. O número d’A Nosa Terra aparecido uns días antes -o día 6- informaba do evento, facendo saber que tomarían parte nel como oradores “un ferrolán, Carballal, Villar Ponte, Peña Novo, Niebla e Lugrís Freire” e que o Coro “Toxos e Froles” cantaría os himnos galegos de Pondal e Veiga e de Brañas e Taibo. Así mesmo, facía un chamamento a todos os irmáns da fala para que, en pudendo, acompañasen na viaxe a Ferrol aos oradores.
Pola súa banda, os galeguistas de Ferrol, nos días anteriores ao mitin, espallaron pola cidade unhas follas -datadas o día 7- imprentadas cun texto que comezaba dando conta do día, hora e lugar: “O día 11, domingo, no “Salón Amboage”, hora das doce, daráse un mitin de rexionalismo gallego” e finalizaba convidando aos actos: “No tren das doce e media do domingo chegarán nosos hirmáns. Pregamos a todos cantos teñan amor a Galicia acudan a agardalos, e logo a oílos no mitin”. Chama a atención que se diga que o acto ía ser á “hora das doce” e que os oradores foráneos chegasen no tren das doce e media, mais así aparece.
Da Coruña, finalmente, serían 17 as persoas que se desprazaron da Coruña a Ferrol. Catro delas, Antón Villar Ponte, Lugrís Freire, Tettamancy e Eladio Rodríguez, ocuparon asento na presidencia, acompañando aos ferroláns Vaello, Pampín, Fraga do Porto, García Niebla e Bidegaín. Abriu as intervencións, a xeito de presentación, o escritor ferrolán Euxenio Charlón, que fixo fincapé en que “non se fará agardar o día en que todol’os ferroláns que levemos, xiquer, unha partícula d’amor prâ terriña onde nascimos; os que nos sentimos argullosos de ser gallegos; os que temos verdadeiras ansias de amostrarlle a-o centralismo que Galicia está pobrada por homes: Nos hirmanemos en apreixado feixe semellando a os ben nascidos de todol’os pobos da nosa rexión”. E non se equivocou, xa que aos dous meses quedaría constituída a Irmandade ferrolá. A continuación tomaron a palabra Ricardo Carballal, Antón Villar e, pechadon as intervencións, Lugrís.
Tampouco nesta ocasión El Correo Gallego se prestaría a dar publicidade ao mitin, mais, curiosamente, na primeira plana do propio domingo 11, insertaba unha nota das actividades do “Salón Amboage” para ese día, que non nos resistimos a deixar sen reproducir parcialmente:
“Hoy domingo debutará en este favorecido teatrito el ‘Trio Brijuesca’ compuesto de lindas señoritas que ejecutarán varios números de corte fino e interpretados con gran maestría”. Anunciaba tamén que o programa se completaba con proxeccións cinematográficas e que habería realizando tres sesións pola tarde.
O diario local, si daría conta, nun breve solto do número do martes 13, da celebración, “con regular concurrencia”, do mitin, facendo saber que os discursos “versaron acerca de los temas ya conocidos” e que “Hubo su miaja de propaganda electoral, sin consecuencias”. A nota finalizaba dicindo que “Toxos e Froles” cantara os himnos galegos de Brañas y Pondal e que “terminó después de esto el acto, que resultó muy ordenado”.
Nada dicía do animado xantar que, por convite dalgúns ferroláns, despois do acto, tivo lugar no “Ideal Room”. Alí, no tempo do café, Charlón e Hermida leron a súa aínda inédita peza Axúdate que eu ch’axudaréi”. Interviron, ademais, Emilio Bidegain, ofrecendo o xantar, Emiliano Balás, lendo un texto de saúdo e de louvanza do galego e Eladio Rodríguez, recitando o seu poema “A Patria”.

Ferrol súmase ao movemento irmandiño (VIII)

Te puede interesar