O Ferrol de “A nosa cinza” de Xavier Alcalá trasládase á banda deseñada

O Ferrol de “A nosa cinza” de Xavier Alcalá trasládase á banda deseñada
Diario de Ferrol-9999-99-99-999-b56e2da5_1

A comezos do próximo ano sairá á rúa a versión en banda deseñada da novela “A nosa cinza”, o canónico “bildungsroman” (novela de formación) coa que Xavier Alcalá atrapou a imaxinación da súa e de seguintes xeracións co Ferrol da posguerra como pano de fondo. O traballo que publicará a editorial Galaxia a prinicipios do próximo ano ten como guionista a Alfredo Ferreiro e como ilustrador ao prestixioso debuxante Manel Cráneo (“Os lobos de Moeche”, “A Torre dos Mouros”, etc). 
Este último salienta: “Confeso que non coñecía a obra ata que me propuxeron o proxecto e trala súa lectura pareceume un libro marabilloso, do que se entende perfectamente que funcione durante tantos anos. Os puntos que máis me interesaron foron esa ambientación nos anos 50 e 60 de base realista cunha mocidade reprimida a todos os niveis e cunha influencia inmensa do catolicismo”. Cráneo avanza que está ultimando o guión técnico “sen o cal o traballo de Alfredo Ferreiro sería moi difícil, e a partir do mes de setembro poñereime a debuxar”. En canto á presenza da cidade de Ferrol, o ilustrador salienta: “Na novela non se nomea Ferrol pero aquí quedará clara a cidade, que é fundamental, como outro escenario clave e que eu coñezo ben que é Cabanas, co pinar e a praia da Magdalena”.

obra interxeracional   
En canto ao autor da historia orixinal, Xavier Alcalá salienta que “unha cousa é unha novela e outra un cómic ou unha película. Eu non interveño no traballo de Ferreiro e Cráneo, aínda que o sigo día a día e lles facilitei datos, esquemas e fotografías”. 
O novelista incide no proxecto: “O que me interesa é a visión que xente doutra xeración poida ter acerca dunha historia que fala da miña”. E verbo da fortuna editorial da narración, comenta: “hai obras que teñen un misterio e unha fascinación que acompañan unha historia a través de varias xeracións, e iso é o que parece que lle sucedeu a esta”.
A novela “A nosa cinza” ambiéntase no Ferrol da postguerra e o “desarrollismo”, a través do relato en primeira persoa de Xoán. Un ambiente vital marcado pola intolerancia e a falta de liberdade. Crente católico e practicante, serán as súas propias crenzas as que o levarán a entrar en conflito con situacións que lle tocou vivir.

O Ferrol de “A nosa cinza” de Xavier Alcalá trasládase á banda deseñada

Te puede interesar