• Miércoles, 18 de Octubre de 2017

Ferrol dedicará unha mostra retrospectiva a Quessada

Coa apertura ao público o pasado mes de marzo no Auditorio de Caranza da montaxe de dous inmensos murais de Xaime Quessada Porto (Ourense 1937-2007),

Ferrol dedicará unha mostra retrospectiva a Quessada
O programa foi presentado onte no Concello
O programa foi presentado onte no Concello

Coa apertura ao público o pasado mes de marzo no Auditorio de Caranza da montaxe de dous inmensos murais de Xaime Quessada Porto (Ourense 1937-2007), inaugurábase a programación de actos que ao longo de 2016 formarán parte de “O Ano Quessada”, centrado na posta en valor da figura e obra do artista.
A iniciativa, impulsada pola Fundación que leva o nome do creador e a Asociación Cultural Fuco Buxán, xunto ao decidido apoio da Concellería de Cultura do Concello de Ferrol, que dirixe Suso Basterrechea, incluirá o vindeiro mes do outubro a celebración dunha ampla retrospectiva da obra dun artista gran admirador de Pablo Picasso.
A proposta terá lugar no centro cultural Torrente Ballester, onde permanecerá ata o 15 de xaneiro. De forma complementaria, o Concello impulsará a edición dunha guía didáctica para difundir o traballo de Quessada nos centros educativos.

placa
Basterrechea indicou ademais que se buscará o respaldo do pleno para a colocación dunha placa conmemorativa no barrio de Caranza ademais de iniciar os trámites para solicitar a declaración do artista como Fillo Adoptivo da cidade naval, onde desenvolveu importantes creacións.
A Fundación Quessada, pola súa banda, fixo unha achega de 25 volúmenes de gran calidade ás bibliotecas e centros públicos da cidade.
Pero antes da retrospectiva, o programa arredor da figura do comprometido artista contempla  para este venres unha mesa redonda, ás 20.00 horas, no centro cultural Torrente Ballester.
O acto, que permitirá afondar nos distintos aspectos do artista, desde a súa personalidade artística ata a súa ligazón sociopolítica, contará coas intervencións do expresidente do Principado de Asturias, Vicente Álvarez Areces; o director da Real Academia Española, Darío Villanueva; e o experto na figura do artista plástico, José Gómez Alén.
Basterrechea presentou onte o programa nunha rolda de prensa na que estivo acompañado pola secretaria da Fundación Quessada, Paula Serrano; e Rafael Pillado, membro de Fuco Buxán. O concelleiro de Cultura lembrou o forte vínculo que o artista mantivo coa cidade de naval a través da defensa as libertades democráticas e co movemento obreiro.