Ferrol celebrará a Feira do Libro cun completo e ambicioso programa

Ferrol celebrará a Feira do Libro cun completo e ambicioso programa
Presentación Feira do Libro en Ferrol

Oito librarías, máis dunha vintena de escritores, contacontos, obradoiros, música... A XXVII Feira do Libro de Ferrol chega este ano á cidade naval cun completo e ambicioso programa, a desenvolver entre o mércores e o domingo da vindeira semana. Serán cinco días de intensa actividade que permitirán achegar a literatura á rúa e contribuír tanto ás ventas dos negocios como ao fomento da lectura entre os máis novos.
A praza da Constitución, na zona do Cantón, será un ano máis o epicentro dunha cita cuxa inauguración terá lugar o mércores, ás 19.30 horas, cunha actuación do Real Coro Toxos e Froles e posterior lectura do pregón por parte do escritor ferrolán Antón Cortizas.
As librarías Pedreira, Central Librera, Cortizas, Metropoliscomics, Nobel Ferrol, Estraviz, Day y Cartabón darán forma a unha feira que tamén contará coa presenza da caseta ebook da Deputación da Coruña, dun punto de información e dunha carpa aberta para a celebración das actividades. A edición contará ademais cunha maior implicación da Biblioteca municipal de Ferrol e a participación así mesmo da de Narón.
Máis dunha vintena de autores pasarán ao longo dos cinco días pola festa para falar das súas novidades editoriais e asinar exemplares entre o público.

presentación
O concelleiro de Educación e Cultura de Ferrol, Suso Basterrechea, achegou onte os detalles da segunda das Feiras do Libro que se celebran en Galicia –comezou esta semana en Pontevedra e concluirán en Monforte– en colaboración coa Federación de Libreiros da comunidade e da Xunta de Galicia.
O edil, que cualificou de “ambicioso” o programa, estivo acompañado na presentación pola xerente da devandita Federación, Nani Regueira; o coordinador da área de Educación da Xunta na Coruña, Manuel Varela; e o representante dos libreiros na comarca e propietario de librería Day (Narón), Antonio Martínez.
Todos coincidiron á hora de destacar o elevado número de propostas que terán lugar durante os cinco días e que, sen dúbida, contribuirán á súa dinamización.

manuel maría
Para a edición deste ano elixiuse o verso “A patria na palabra”, en lembranza do autor Manuel María, a quen este ano se lle adica o día das Letras Galegas. A Feira do Libro ferrolá rendirá ademais a súa particular homenaxe ao escritor coa representación, o xoves ás 19.00 horas, de “O bigote de Mimí”, un espectáculo de Luís Vallecillo e a Banda do Cuberto baseado no seu libro homónimo.
Entre as actividades incluirase ademais un contacontos traducido á linguaxe de signos así como a presenza de numerosos autores do panorama literario da comarca e da comunidade galega.

Ferrol celebrará a Feira do Libro cun completo e ambicioso programa

Te puede interesar