A Feira Multicultural de Ortigueira propón artesanía, música e deporte

A Feira Multicultural de Ortigueira propón artesanía, música e deporte
Feira do Mel en la Alameda de Ortigueira

A fin de semana próxima en Ortigueira chegará cargada de actividades, coa celebración da I Feira Multicultural que organizan o goberno local e a empresa Galioart. Artesanía, deporte, exhibicións de cetraría e de coches antigos, xogos populares, música ou degustacións gastronómicas forman parte dun menú que comezará o sábado 1 de novembro ás 10.30 horas, coa inauguración da Feira e o pregón a cargo do historiador Carlos Breixo. Despois será a saída dunha ruta en bicicleta de montaña de nivel medio e para maiores de quince anos. A inscrición debe facerse no Matadeiro ou nos teléfonos 981 400 402 e 600 259 501 ata o día 29. Custa cinco euros.
A Escola de Gaitas de Ortigueira actuará ás doce do mediodía e a partir das 13.30 haberá unha degustación de empanada, viño e refrescos ó prezo de cinco euros a ración. Tamén se verá unha exposición de motos clásicas a cargo do grupo ortegano Os Tranquilos.
Pola tarde, ás cinco, abrirá a feira de artesanía na carpa, con máis dunha ducia de postos entre os que hai alimentación pero tamén artesás da madeira, do ferro, da la, do coiro ou do vidro, entre outros.
Ás seis comezarán os xogos populares e ás 20.30 sairá unha carreira nocturna, non competitiva, cunha distancia de seis quilómetros e con inscrición gratuíta en fonde01@gmail.com. Como remate da xornada haberá un concerto ás 22.30 horas a cargo do grupo Superglú.
O domingo a feira volverá abrir, desta volta con artesáns pero tamén con instrumentos musicais de Galicia e coas palilleiras de San Claudio e A Barqueira. Ás 12.30 comezará unha exposición de coches antigos e históricos, con especial presenza dos “Seiscentos”. Tamén haberá tractores e coches de rally. A inscrición dos vehículos pode facerse a través do correo electrónico clubclasicosnaron@hotmail.com. Actuará a banda de gaitas de Ladrido e ás 13.30 horas Cetraría do Salnés fará unha demostración. Á hora do xantar servirase churrasco ó prezo de dez euros a ración. Tamén neste caso é precisa a inscrición, a través dos teléfonos 657 498 808 ou 620 816 866.
O programa da tarde do domingo comezará ás catro con tallistas da madeira de Vilalba e de Ourense para seguir con artesáns de sellas das Pontes, o sorteo dunha cesta, unha exhibición de ganchillos e toquillas de Cospeito e, para rematar, ás sete, artesáns da madeira galegos.

micoloxía
Coa feira multicultural coinciden tamén as VI Xornadas Micolóxicas da Fundación Ortegalia, dirixidas por Cristina García Echave-Puente. O sábado haberá unha conferencia sobre cogomelos comestibles ás dez da mañá no Museo e unha hora despois sairase na súa busca. O domingo exporase o recolectado. n

A Feira Multicultural de Ortigueira propón artesanía, música e deporte

Te puede interesar